martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Carta pública de renuncia

DIMITO como alcalde, pero non do compromiso adquirido cos meus veciños, que me elixiron como concelleiro na lista máis votada, e esa lista era a do Partido Popular. Seguirei con lealtade ao meu pobo, defendendo o interese do mesmo máis aló da afiliación política. Débome aos meus orixes, raíces e medio, e ás persoas que me configuraron así nos tempos que a ‘tribu educaba’.

Non din feito a suficiente pedagoxía política para que quen está na oposición entenda que o que acabo de firmar debe ser unha máxima. Somos representantes dun pobo con necesidades dos seus veciños, non dos gobernos supramunicipais onde por circunstancias acadan os partidos poder.

Política é a actividade humana necesaria para a construción dunha sociedade ordenada e xusta socialmente. Sempre entendín este oficio como necesario pero limitado no tempo; creo que cumprín os obxetivos de quen depositou en min a súa confianza e fíxeno pensando nun proxecto común, alleo a intereses persoais.

Dez anos son suficientes para quen ten unha vida intensa como é o meu caso; tamen teño a empatía suficiente con quen atopa folgos ou proxectos de servizo público mais alá dos dez anos; a miúdo obviamos que os políticos somos persoas e que no día a día hai cousas que eran previsibles no privado ou no público, e outras que aparecen inesperadamente.

Non compartirei nunca a profesionalidade da vida pública, ou que na estrutura dos partidos teñan xente que non tivo nin ten máis oficio que o cargo en si, e digo isto porque eles mesmos perden a percepción da rúa e das necesidades de quen o rodean e fan das estruturas internas lugares inhóspitos.

Recórdolle á cidadanía que o xeito para que unha sociedade avance no sentido correcto é sopesar equilibradamente obrigacións e dereitos; cando isto non se cumpre estamos a faltar a un principio que debe estar sempre presente: traballo, mérito, sacrificio e recompensa. Esta é a liña do sentido común que ultimamente tanto se degradou e a base de calquera sociedade de futuro.

Non son quen de opinar sobre o meu legado, pero intentei deixar o mellor de min, tanto no partido como no pobo. Creo con obxectividade que deixo moito máis no haber que no debe, e fágoo consciente de que esa era a miña obriga. Xestionar un concello nunha etapa posterior a unha crise económica e sanitaria sen precedentes non é doado. De todas maneiras, no que me equivoquei ou faltei, pídolles desculpas.

Quero ter un especial recordo ás persoas que fixeron posible ser alcalde do meu pobo con maioría, non hai maior honor para unha persoa. Espero ter respondido ás suas expectativas. Tamen é certo que teño que agradecer a quen ao longo destes anos me acompañaron como cargos electos, a eses compañeiros que sei que non lles foi fácil a convivencia conmigo; grazas pola vosa compañía e apoio. Quero ter un recordo tamén para os medios de comunicación, persoas que están ao servizo das estruturas orgánicas do partido, funcionarios e persoal laboral das diferentes administracións públicas polo que me sentín tan ben tratado durante todos estes anos.

Esta decisión tómoa con un partido renovado, no que creo como mellor proxecto social posible, coa seguridade de que non lle faltarán ao meu pobo e que servirán coa mesma lealdade e entrega que tiveron conmigo ao que espero que sexa o seu alcalde Pablo Rivas, como así o farei eu.

Pido respecto para todos os que se dedican á actividade pública, e digo todos. A veces non somos conscientes das renuncias persoais que se chegan a facer polo ben común. Por último, quero amosar o meu apoio e a miña total lealdade ás estruturas orgánicas do meu partido, recentemente renovadas no ámbito provincial con Elena Candia López e no rexional especialmente a Alberto Núñez Feijóo, e a quen estiveron todos estes anos da miña dedicación á alcaldía con responsabilidades no mesmo.

Só me queda dicir que foi un honor poder servir ao Partido Popular e a Portomarín, e así seguirá sendo.

Carta pública de renuncia
comentarios