Opinión

A xenerosidade da terra

Ao principio, tamén os ecoloxistas eran especie exótica. Tipos raros que tentaban protexer ás pitas de monte ou aos gorilas na néboa. Agora coñecemos mellor a dinámica e as complexas relacións que entretecen os ecosistemas, a urdida entre seres vivos e contorna. Xa non se trata tanto de salvar unha especie como protexer o seu hábitat. De aí a obriga moral para atopar novos vieiros na relación coa natureza.

As peores ameazas veñen da cobiza humana que impón límites políticos, físicos e económicos. Separan ecosistemas, alteran a dinámica ecolóxica e ameazan flora e fauna. A vida, sempre migrante, sempre en éxodo, non coñece fronteiras e obriga a conectar ecosistemas rotos polas fronteiras. Resulta aterrador que un só país se apropie polo interese económico da alfombra verde da Amazonía e poña en perigo a saúde e o benestar do planeta enteiro.

Daqueles estudos centrados en ecosistemas locais, a esta concepción global. O planeta éche un todo, e a biosfera é a franxa onde se desenvolve a vida. A ecoloxía mostra que todas as especies e o medio onde viven protagonizan un proceso integrador que considera a terra casa común. Unha coreografía moi complexa que estuda a vida sobre o planeta, organismo que se autorregula e mantén o equilibrio que fai posible a vida, di Lovelock. Cun elemento humano perturbador, capaz de alterar ese delicado equilibrio e desestabilizar o sistema. Bill Gates avisa que o cambio climático protagonizado por nós é o maior perigo para o planeta. Ata a idea da globalización ten que ser repensada. Agora semella un xigantesco proceso de privatización dos recursos humanos e naturais a mans dun pequeno grupo de multinacionais.

Os danos causados veñen de lonxe, das dúas revolucións industriais coa súa masiva sementeira de gases na atmosfera. O quentamento global vémolo de ano en ano. Alterar o ciclo da auga provoca tal declive nos ecosistemas que estamos nos bordos do que se coñece como a 6ª grande extinción dos últimos 450 millóns de anos. Están en perigo os seres vivos, a saúde do planeta e a civilización humana.

A depredación dos recursos mellorou de xeito fastoso a vida dunha ínfima minoría a costa da inmensa maioría de seres humanos, dos outros seres vivos e da biosfera. A privatización de terras e augas, dos recursos, do coñecemento e ata da xenética, están a alterar a dinámica da biosfera ata nos poñer en perigo. Devolver a saúde ao planeta enfermo e celebrar xuntos a vida sobre a terra son tarefas urxentes. Trátase de convencer e empuxar os gobernos para que tomen decisións axeitadas. Para que a inmensa multitude dos marxinados, privados de benestar e dereitos, e mesmo os máis de oito millóns de especies poidan vivir e seguir compartindo a infinita xenerosidade da terra.

Comentarios