Opinión

Todos os ismos no espello

MOITA RAZÓN tiña cando dixo que non precisaba ter moita imaxinación para recoñecer a cara dun machista: tiña espello na casa.

Menudean os ismos. Fascismo, machismo, populismo, franquismo, racismo. Xenofobia, que tamén é outro ismo. Reflicten o peor de nós mesmos. Son un magma de irracionalidade que entra en erupción sen os freos da cultura, a tolerancia, o respecto aos dereitos dos outros, os valores democráticos. E a educación. Non son machista-non son racista-non son xenófobo!, berramos indignados. Chegar de serie limpos de ismos, sería máis fácil. Que nos vacinaran contra eles cunha triple vírica. Ou que unha sorte de bautismo limpara con auga bendita a cotra dos ismos que envelan as rúas, rompen a familia humana, enchen de ruido e furia os teatros da convivencia. Pero ai, non hai xenética, auga bendita, vacinas nin farrapo da gaita contra os ismos. Só queda a vixiancia estreita, un mirar nos adentros, moita escoita e lecturas para dialogar en silencio cos outros. Eses espellos mostran nos nosos rasgos o feo rostro do racismo, o fascismo, a xenofobia, o machismo. Fácil e falso é imaxinar un mundo en branco e negro, unha liña nidia entre bos e malos. Os nosos e os outros.

A pouco que baixemos a garda asoma a patiña o lobo machista que levamos dentro. Ou propostas ultras con solucións fáciles para problemas complexos. Ou o drama cotiá de mulleres humilladas e maltratadas diluído nun masivo bombardeo de noticias. Ou os nostálxicos de pasados imperiais, idades de ouro con líderes ditatoriais, dinosaurios que se negan a desparecer.

Por un momento pensamos que esa constitución mundial que é a Declaración dos Dereitos Humanos e a pertenza a UE, reduto da democracia liberal e dereitos democráticos, abondaría para frear os ismos. Pero unha nova Idade do Matonismo sobreactúa cos Putin e os Bolsonaro, os Trump e os Salvini, os Maduro e Duterte, os Ortega e Erdogán, os Orbán, Vox e as Le Pen, os nacionalismos con cheiro supremacista.

A inmigración desordenada é o fracaso da política europea que ceba o racismo. A secesión dos ricos abríu a caixa de Pandora dos peores nacionalismos enfrontados coa súa sementeira de odios. Temos visto a líderes incapaces de deliberar e de escoita, ofrecer solucións dubidosas na feira dos populismos. Cando pensabamos que o dinosaurio franquista estaba baixo estratos de historia volve no día da marmota. E como unha sombra manchada de sangue e testosterona o machismo segue ao noso carón e só nos estremece cando unha muller é violada ou asasinada. Somos o actor Liam Neeson confesando que a xenreira lle levaría a matar a un negro para vingar unha violación: ou a xenofobia vivindo ao carón. Na casa, nos ollos temos espellos que reflicten cada día os ismos que agachamos dentro.

Comentarios