Opinión

Un planeta chamado Titanic

O BARCO afundiu na viaxe inaugural. Era o máis grande do mundo da súa clase. Case tres mil pasaxeiros e novecentos tripulantes. Luxos e comodidades para os que viaxaban en primeira clase. Amontoamento para os inmigrantes que non atoparían sitio nos botes salvavidas. O naufraxio do Titanic conmocionou e indignou o mundo polos erros e a covardía dos donos. Veu despois a épica en libros, cancións, exposicións, películas, memoriais. Como foi posible que o barco insomerxible, con tantos adiantos técnicos, afundira?

Desta volta fálase doutra nave, o noso planeta: 4.500 millóns de anos de singradura polo océano espacial da galaxia. A Terra éche o embigo da creación para as relixións. Berce e cadaleito da Humanidade. O portentoso equilibrio coa súa estrela, o Sol, fai posible a vida.

A excesiva influencia de homes e mulleres, case deuses, sobre os ecosistemas vén de inaugurar unha nova era xeolóxica, o Antropoceno.

Excepto os matóns máis obtusos, en altísimos postos de poder, todo o mundo decátase da fraxilidade desta nave espacial. Titanic planetario, arca de Noé que expulsa da vida a tantas especies mentres se vai degradando.

Nunca nos miles de millóns de anos de andaina houbo un progreso tecnolóxico tan espectacular. Temos nas mans saberes e conquistas dos devanceiros. Vivimos moitísimos máis anos e con mellor saúde. Xigantes das fames históricas como China e India alimentan ben á poboación. O infinito cerebro humano é ben capaz de levarnos a todos os veciños do planeta, humanos e non humanos, a vivir unha vida plena. E no caso da Humanidade, a unha era de decencia, progreso, liberdade.

Pero, ai, camiñamos afervoadamente cara a distopía mentres botamos pola borda da nave Terra as fermosas utopías das conquistas humanas. Un iceberg esperaba ao transatlántico indestrutible. Un iceberg de construción humana pode poñer fin a unha civilización admirable e inquietante, con tanta inventiva, conquistas liberadoras, adiantos tecnolóxicos e descubrimentos científicos. A parábola éche así de fácil: un barco moderno, dotado dos últimos adiantos técnicos, insomerxible, navega cara á catástrofe.

Afogarán antes os que viaxan en terceira clase. Primeiras vítimas da desfeita climática, o acelerado deterioro dos ecosistemas, quentamento global, pandemias apocalípticas que engorda o medo. Pero o naufraxio chegará tamén aos que viaxan nos camarotes de primeira clase do planeta.

Erros, torpezas, soberbia levaron ao Titanic ao abismo. Só a intelixencia pode cambiar o rumbo equivocado. Se veñen mal dadas o planeta seguirá xirando miles de millóns de anos ao redor do sol. Pero desta volta, sen o cego, omnipotente, letal, estúpido e cobizoso virus humano. Porque o planeta Terra non se chama Titanic.

Comentarios