Opinión

Pedagoxía urxente para o cambio climático

Científicos e meteorólogos levan anos explicando a ciencia dos meteoros e o campo de minas para o futuro cun clima atolado. Sen moito éxito. Porque os políticos andan no seu, medindo o tamaño do embigo, mentres a xente anda no duro oficio do vivir.

Os deuses concederon ás nosas expertas Cassandras a facultade de albiscar o futuro, e a condena a seren ignoradas. Así, un científico de CSIC vén de declarar que este verán de 2022 será o máis frío dos que virán. Como os teimudos sinais de alarmas non son escoitados, o planeta rebélase contra o letal virus humano, experto en autoodio, Atila da propia casa.

A pedagoxía lenta e amable que apelaba á intelixencia do homo sapiens e ao sentido cívico non serviu de moito. Imponse, polas malas, outra pedagoxía da man do cambio climático. O sur de Europa arde con estarrecedor entusiasmo. España, Galicia éche un volcán de lume encirrado por mans humanas. A natureza, sabia e asisada, máis aló dalgunha tormenta seca despistada, non queima bosques nin asasina aos mellores dos nosos, as árbores. Non hai distancia máis dramática que a que separa unha árbore verde, do seu montón de negras cinzas fumegantes.

Os lumes que abrasan a pel da terra teñen pegada humana: despistes, pirómanos, asasinos conscientes, negocio do lume, mala xestión forestal. E ao fin, indiferenza da xente, bocapodres contra gobernantes sobrepasados, bágoas efémeras, a urxencia polo inmediato dos políticos.

É pedagóxico que en institutos e universidades pasen un pouco de calor nas aulas, frío no inverno. Que experimenten o que vai vir. Que nos edificios públicos se recorte ata o mínimo calefacción e ar acondicionado para que aprendamos polas malas o que nos espera. Que as cidades queden en penumbra na noite porque a factura eléctrica é impagable e así será no futuro se o noso sentidiño e o cerebro dos científicos non o remedian. Que se xibarice a esmorga de coches oficiais: políticos cos pés na terra, viaxando no transporte público. Que o turismo sexa máis cercano e sensato para non degradar o planeta. Que se cobre polo prezo real o ouro líquido que chamamos auga. Que se axusten as normas laborais ao cambio climático para non condenar aos traballadores. Que se adapten as cidades, fornos de calor, con máis árbores e menos asfalto, máis fontes e menos cemento, máis zonas verdes e moitísimos menos coches.

O frío no verán, a calor no inverno, tan necesarios, son moi caros. Hai que pagalos polo seu prezo ou soportalos na propia pel. Sen esquecer algo pedagóxico: abrir os ollos aos inconscientes e protexer aos vulnerables.

O planeta privilexiado, verde e azul, o único capaz de albergar vida está farto de nós. E, á falta da nosa, a súa pedagoxía será urxente e implacable.

Comentarios