Opinión

Os misiles da fame

Hai guerra nun dos graneiros do mundo, Ucraína. Os agresores bombardean infraestruturas e portos. Tamén escolas, hospitais, teatros. E as estacións onde se amorean os que foxen. E as casas da xente.

O país onde collen trinta e catro Españas é o máis grande do planeta. Agora, coa voracidade imperialista dun escuro ex-oficial do KGB, converteuse nun mal veciño. Os países limítrofes do xigante con pés de barro tentan escapar da súa influencia chamando á porta da morna e democrática UE. Países historicamente neutrais como Suecia e Finlandia tentan acubillarse baixo o paraugas da Otan.

Recorda atinadamente E. Galeano que a fin de toda guerra é o roubo. Terra, poder, influencia. Agora, en Ucraína o agresor ruso rouba trigo, millo, xirasol. Centos de miles de toneladas de gran que sementaron e coidaron. Agora, polos vasos comunicantes da cobiza no comercio mundial o prezo dos alimentos multiplícase. Uns poucos países ricos poden pagar a escandalosa suba do pan, arroz, aceite. Pero os que vivían no límite empezan a soportar os misiles rusos cabalgando sobre o xinete da apocalipse da fame. 

A inxusta e inconcibible agresión de Putin e as terribles consecuencias recordan a un dos grandes asasinos da historia, Stalin. O Holodomor ou exterminio en 1932-1933 de case dez millóns por fame permanece vivo na memoria de Ucraína que agora soporta a agresión dun alumno aventaxado.

A FAO sinala que en dous meses de guerra, os prezos subiron un 20% sobre un nivel xa moi alto. Daquela, a países vulnerables non lles quedan buratos no cinturón da fame. Como no Sahel ou no Corno de África. Anos de sequía baldeirando de gran as tullas. Á falta de auga, agravada polo cambio climático, hai que engadir os conflitos dos señores da guerra, yihadistas ou guerrillas alucinadas como Boko Haram. Todo conspira para expulsar a xente da terra nun éxodo desesperanzado cara a Europa. Perden os máis febles, nenas e nenos con malnutrición severa. Rapazas como botín de guerra.

Medran os prezos do gran e das materias primas. Da enerxía, do petróleo, dos fertilizantes. Ao final  os países fráxiles acaban dependendo da axuda humanitaria para sobrevivir. Os misiles rusos, cegos pero certeiros contra as casas, son letais golpeando a millóns de persoas con explosións de fame. Ata 27 millóns camiñan polo fío da inseguridade alimentaria. A finais de verán serán 40,7 millóns segundo a Onu. 

Sopran poderosos ventos de guerra en Europa pero o vendaval tamén abate aos que viven lonxe. Como o labrego africano que cada día acariñaba a terra coas mans poderosas para traballar. Agora, expulsado da terra, estende as mans inútiles, tremando de vergoña, para recoller a comida que lle dan. Mans inútiles para se protexer dos misiles da fame que disparan desde tan lonxe.

Comentarios