Opinión

O berro da terra

COPENHAGUE, CANCÚN. Kioto. París, Katowice… Vintecatro conferencias sobre o cambio climático de costas ao clima. Desacordos sobre acordos evanescentes. E volta a empezar. Outra conferencia, outra luceciña acesa contra o implacable reloxio da conta atrás. Cada cumio preséntase como vital para a vida do planeta. Ao final, outra oportunidade perdida. A ignorancia culpable e os intereses dos países poderosos abátense sobre os pequenos países como Vanuatu, Kiribati, Tuvalu ou as Maldivas, condenados a desaparecer. Mentres enormes zonas sofren desertización, falta de auga, destrución dos ecosistemas: patria imposible de refuxiados climáticos.

En Katowice, Polonia, caeu o barruzo da decepción. Políticos sen talla de estadista míranse o embigo da supervivencia mentres periga a casa común. Sen a intelixencia e a humildade de escoitar a científicos condenados a seren como Cassandra: o don da profecía e a condena a non seren escoitados por matóns cheos de poder, máis atentos a beneficios económicos inmediatos que a o destrozo do planeta. Como non saben, son alleos a esas vintecinco gigatoneladas anuais de CO2 que emporcallan a atmosfera e estragan o equilibrio climático. Ou a ese millón de especies animais a piques de apearse do planeta. Ou a esa pel de plástico que tapa terra e océanos.

Os científicos avisan de que queda pouco tempo para amañar a desfeita, pero a realpolitik está chea de medos. Os donos do mundo viven na burbulla do presente, ata que se percaten como Midas de que o ouro que amasan non se come. Científicos, ecoloxistas e agora adolescentes dos institutos berran: "Rise up! Érguete!" Pero os vellos dinosaurios néganse a morrer e a súa cegueira pode arrastrar ao planeta enteiro.

Adolescentes de USA, Australia, Suecia, Inglaterra, Bélxica, España alzan a voz e mostran os cairos da ira a políticos enredados na súa incompetencia. Unha rapaciña sueca, Greta Thunberg, é a punta de lanza deslenguada e desinhibida contra elites paternalistas e dono a quen servir. "Non quero que teñades medo, quero que teñades pánico!", berra contra a parálise política dos que non queren ver, nin escoitar, incapaces de accións comúns.

En Katowice, Polonia, os acordos do desacordo climático veñen envoltos na néboa da decepción. Accións aquí e acolá de adolescentes aos que pertence o futuro, contra os donos do pasado. A folga escolar da rapaza sueca éche unha sorte de facer os deberes. de recordar a Trump, Xi Jinping, Juncker, Putin, Merkel, Bolsonaro, que son eles, somos todas e todos nós, os que temos os deberes sen facer sobre a crise climática.

E en España? Ben. Aquí seguimos berrando polo fútbol. Emporcallando as rúas con bandeiras. Inundando de odio as patrias do pasado que parcelan o planeta de todos. E impiden escoitar os berros da terra.