Opinión

José Andrés, empatía e pan para os famentos

Semella un Papá Noël bondadoso sen a saca de xoguetes para nenos fartos de xoguetes. O que si leva éche o pan de cada día que a fortuna, a xeografía e os donos do pan sacan de tantas bocas.

Benintencionadas ONG non acaban coa fame. De feito, na India exportadora de arroz hai incontables organizacións dedicadas aos famentos. Política, gobernos, Fao, a familia humana da Onu deben enfrontar o problema da fame. Mellor dito, o inxusto reparto do pan no mundo.

Pero o certo é que os famentos teñen a mala costumbre de comer cada día. Os estómagos baldeiros non esperan respostas de futuro. E aí aparece este cociñeiro, agora din chef, José Andrés e a súa WCK, ou Cociña Central para o Mundo.

Porque ás veces un ciclón, un terremoto, unha catástrofe paraliza, e mans oficiais e privadas son necesarias para atender aos golpeados. Así, no 2020, o Ano da Peste, co mundo paralizado polo medo e polo covid, a súa rede de voluntarios foi quen de repartir ata 15 millóns de comidas para os que non poden esperar as necesarias accións políticas. Precisan comer hoxe para seguir vivos mañá.

O pan de cada día é sagrado, terma da vida. "A alimentación é igualdade, xustiza social, inmigración, cambio climático, enfermidades por usar enerxías sucias", di. "É seguridade nacional, guerras da auga, enfermidades, inxustiza por desperdiciar alimentos que outros necesitan", di. Non se trata de botar vaselina para disimular o chío da inxustiza senón reforzar coa comida comunidades e economías locais.

A fame ten nais e pais. Os máis letais non son as catástrofes naturais senón as malas decisións de gobernos incapaces de priorizar e solucionar problemas. Sentando aos líderes de países ricos cos dos países pobres para enfrontar asuntos que afectarán a todos.

A loita contra o covid mostra o que pode unha acción masiva e conxunta. Aínda que esta loita pola vida é desigual e non chega aos esquecidos que non poden pagar as vacinas. E iso que os coronavirus, cambio climático, catástrofes naturais, especies invasoras que ameazan ecosistemas ou as placas tectónicas que derruban vidas e casas non coñecen fronteiras. Así que o noso José Andrés, cociñeiro, vén de descubrir un arma antiga e poderosa para mellorar o mundo: a empatía. Muros máis baixos, mans tendidas que salvan. E mesas máis amplas para sentar diante dun prato aos famentos en emerxencias puntuais. Porque as ONG nin poden nin deben substituír a acción política. Pero cando veñen mal dadas ata os gobernos necesitan da cidadanía. E deste cociñeiro necesario e sensato que sinala "somos unha gota de auga nun mar de empatía e un deserto de necesidade". Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021, por algo tan pequeno, tan grande, tan humano como encher o bandullo dos famentos.

Comentarios