Opinión

Había unha vez un cole en Baamonde...

"Meu cole, meu fogar!". "Menor cantidade, maior calidade". "Por min e por todos os meus compañeiros!". Cada pancarta semella o lema dun programa educativo de goberno. Pero os gobernos, ai, non len pancartas de nenas, rapaces, familias diante do seu colexio.

Unha mágoa! "¡Dios que buen vasallo, se oviesse buen señor!". Pasaron os tempos de vasalos e señores pero a democracia non atopa solucións para un rural que se desangra, unha Galicia que se baldeira. O que non se pode borrar son estes nenos, toponimia, as familias, a cultura da terra, o modo de ser, a maneira de falar, o xeito de ocupar o territorio.

Como non recordar o colexio das miñas primeiras ilusións como mestre de escola orgullosamente pública! Aquel equipo de compañeiros e compañeiras, case unha familia. Nenas e nenos, a sal da terra, a vida de Baamonde, das aldeas.

Contra iso, a receita é substituír os berros, os xogos, as tareceas de aprendizaxe polas pantasmas do silencio. Porque son poucos. Porque son invisibles. Porque as decisións se toman en despachos onde non se ven os rostros nin se escoitan as voces que loitan polo seu, polo de todos. O ano novo non pode traer o envelenado agasallo de borrar do mapa un cole enteiro. Que política sabe canto pesan estes nenos e nenas? Canto vale o futuro das familias? Cómo se mide o silencio dunha Galicia desvertebrada? Esquecimos xa os números da demografía da 2ª metade do XX? Medio millón de xente nova foise de Galicia. E con eles, os nenos e nenas que non naceron aquí. Agora marcha xente nova e titulada, producindo valor engadido fóra. Ninguén debera cortar os fíos que unen o presente co futuro nunha terra onde a pirámide de poboación semella un trompo. Coa riqueza dos vellos, pero sen a semente dos nenos.

Hai unha Galicia chea de economía e demografía e outra "desadornada de xente", laiábase un velliño a Manolo Rivas. Pero xamais estará baldeira. Porque non se pode borrar a terra, as paisaxes, a cultura inmaterial, a arquitectura rural, a infinita arañeira de camiños, casas, xentes que foron tecendo a historia deste recuncho de Baamonde.

Asustan, claro, os titulares: declive, despoboamento, falta de rendibilidade, baldeiro demográfico, optimización de recursos. Por eses sumidoiros de medo escoan a cultura, as paisaxes humanas, a lingua, a veciñanza, esas ducias de nenos e familias defendendo teimudamente o seu cole.

As pancartas da fotografía do xornal son un berro a favor da esperanza. Fronte ao colexio. Tan cerca da xente xentiña. Tan lonxe dos que queren borrar do mapa un colexio, pequeno corazón latindo, levando vida a este fermoso e amable recuncho lugués.

Oxalá o conto non remate así. Oxalá a historia do Ceip de Baamonde non se conte nunca cun... "Había unha vez...". 

Comentarios