Opinión

Eloxio da dúbida

VIVIR É camiñar por corredoiras de incertidume. Coa mochila máis cargada de dúbidas que de certezas. Mais como o dinosaurio de Monterroso, espertan os vellos dogmatismos, mentres que os cambios inquietan. Nos versos de Machado, Caminante no hay camino, faise camiño ao andar.

No desapiadado século XX que encheu de sangue e cascallos a vella Europa, países como Italia, a Rusia do sanguinario home de ferro, e despois a Alemaña nazi, sociedades cultas caeron de xeonllos diante de ditadores pequerrechos, donos de dogmas simples para problemas complexos. Stalin, Mussolini, Hitler, aquí Franco. Ou de como a política transformouse en relixión con feligreses en vez de cidadáns. E sociedades como mandas cegas e brutais. E vítimas, millóns de vítimas porque os dogmas non toleran disidencias. Nin forasteiros, inmigrantes, inimigos. E, ao fin, países enteiros na procura dun tempo pasado mellor, idades de ouro con ríos de leite e mel, igualdade, grandeza, harmonía. Arrastrados ao dogmatismo, abominando do pluralismo.

Os fundamentalismos non toleran as dúbidas. E nas areas movedizas dos cambios, das incertezas, da globalización trunfa a xenofobia. E os neofascismos gañan terreo no corazón da nai Europa. Cando expulsan as dúbidas do debate político, queda a militancia acrítica, a hostilidade ao pluralismo, a confusión entre política e relixión. E líderes excesivos: fóra deles non hai salvación. Fronte ao escándalo dos odios e a intolerancia, a constitución mundial da Declaración dos Dereitos Humanos. Resulta aterrador que en relixións distintas, caras do mesmo Deus, os odios sexan máis fortes que o amor. Que diferentes credos só podan medrar sobre a eliminación física dos infieis que comparten o mesmo planeta. E onde diversos camiños conducen á verdade. Sobre todo neste fermoso, inquietante mundo multicultural e plural, crebacabezas de ideas unido pola tolerancia. O arco da vella das infinitas gradacións sociais é fondamente humano.

Non se pode camiñar sen a dúbida. Os soños dos fundamentalismos relixiosos e políticos producen monstros. Son perigosos. Esixen sacrificios humanos, mentes pechadas, suspensión das facultades críticas. Xustifican a violencia e o terrorismo, a cega obediencia, campañas de odio diante do inimigo e esquecemento das leccións da historia. Do tempo no que queimaban bruxas, e libros, e seres humanos.

Os estados unitarios do XIX cunha soa etnia, unha relixión, unha identidade deron paso a esta explosión da multiculturalidade. Moldeado por migracións masivas, o mundo éche un globo onde habitan múltiples civilizacións e sociedades multiculturais. Onde o cemento social, a paz, a cooperación substitúen ao anticuado racismo. A casa común acolle en pé de igualdade unha pluralidade de culturas, peles, falas, deuses, identidades, modos de vida, sistemas de valores. O pluralismo éche a única forma de futuro posible para un mundo diverso onde a xente camiñe pola vida vacinado contra os dogmas. E amoblado de dúbidas.

Comentarios