jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Economía 'rico Epulón pobre Lázaro'

ATA O G-7, o Club dos Poderosos, abomina da cega economía rico Epulón pobre Lázaro. Ou de como a riqueza gravada con impostos cativos, cando reborde da mesa do banquete espallará faragullas á xente do común. Defendida por partidos que abominan dos impostos, atenta contra o estado do benestar que acubilla a todos: educación, sanidade, seguridade, pensións. Públicas. Nese estado social, creado sobre os cascallos da II Guerra Mundial, medra agora a desigualdade.

Relemos en Lucas 16, 19:31 a parábola moralizante, ou de como o rico Epulón come moito, viste de Prada, viaxa ao estranxeiro, estuda e vai de vacacións a destinos caros, emparéllase cos iguais e vive en barrios exclusivos. Mentres os Lázaros mendigan migallas. E ven como se ataca a sanidade pública, as escolas transfórmanse en guetos, medra a inseguridade nos barrios, como se ameaza o sistema de pensións públicas. Ou desde o Banco de España se dispara contra as subas do salario mínimo.

A economía rico Epulón pobre Lázaro tamén é xeográfica. Hai zonas coa economía arrasada e a demografía envellecida. Galicia, España Baldeirada. A riqueza é centrífuga, a pobreza centrípeta. Fóra das nosas fronteiras a xeografía aínda é máis cruel cos derrotados. Alí escóitase con simpatía o engaiolante canto de serea dos populismos. Prometen o ceo na terra cambiando a lenta cocción da política polo bálsamo de Fierabrás.

Hai quen busca patrias detrás das bandeiras esquecendo que a patria son os impostos. Como vén de recoñecer o G-7: beneficia máis a equidade que a acumulación obscena. Os donos da riqueza do planeta collen nun bus. E cada ano precisan dun máis pequeno.

Todo vai ás carreiras. A robotización e automatización expulsan do suor coñecido. Desde que a globalización cambiou o embigo do mundo case non se pode falar de economías nacionais. E como en cada crise, a de 2008 por exemplo, hai poucos gañadores e moitísimos perdedores tentando vivir sen seren arrasados por procesos que nin comprenden nin poden enfrontar. Expulsados á intemperie agárranse ao cravo ardendo dos populismos e partidos nos bordos da democracia.

Contra a economía rico Epulón pobre Lázaro, un novo contrato social porque os perdedores económicos tamén son perdedores políticos. O G-7 aboga por subir impostos ás multinacionais. Que paguen onde obteñen beneficios e non na cova de Alí Babá dos paraísos fiscais. Os que nada teñen, donos do ruído e da furia, son perigosos para un ecosistema económico crítico co gasto social e os impostos, sangue do estado de benestar. Os que comen moito esperan que as faragullas contenten aos que viven con traballos precarios e soldos que impiden vivir con dignidade. Recorda El Roto: "Los derrotados somos invencibles". Tantos Lázaros. Tan poucos Epulóns.

Economía 'rico Epulón pobre Lázaro'
comentarios