Lunes. 17.06.2019 |
El tiempo
Lunes. 17.06.2019
El tiempo

Corais para Fraguas no Vello Cárcere

DIN QUE o soño dun chef con moitas estrelas é poñer un exército de cociñeiros creando un menú exquisito e irrepetible para un só e privilexiado comensal. Algo así sentimos o Día das Letras Galegas no centro cultural O Vello Cárcere lugués. No Encontro de Corais había máis músicos e intérpretes que espectadores: un luxo, obrigado pola chuvia, para gourmets cun abondoso banquete de música para homenaxear a Antón Fraguas. Velaquí ao intelectual bo e xeneroso dun país que cantaba tanto e ficou no silencio da longa noite de pedra que recordan os muros do cárcere. Aquel silencio encheuse de voces interpretando pezas galegas dos mellores compositores.

A chuvia deixou fóra a moita xente pero o corazón quente do vello recinto latía cunha acústica boa. Daquela historia de barrotes e dor ata esta liberación a través da beleza. E todo ben fiado por Paco Nieto, unha voz coral para contar a historia e recontar as historias miúdas da música coral de Lugo.

Cada un destes concertos reflicte a imaxe do país. A falta de mocidade fai perigar unha música e cancións que foron desaparecendo das paisaxes humanas para buscar acubillo nos auditorios. Cada concerto de música culta éche unha chamada de atención urxente a conservatorios e escolas de música: teñen que estar aí, ao pé da cultura. Aí terían que estar uns universitarios que semellan vivir de costas á cidade. Non están, aínda que deles tamén depende a defensa da cultura, da música, da lingua.

"Se os nenos e as nenas cantan, Galicia será inmorrente", afirmaba a fermosa utopía de Cantareliña. Nun país con poucos cativos estamos seguros de que se estas corais seguen cantando, Galicia, a música, o galego, serán inmorrentes. Así que desta volta quedámonos co traballo teimudo e admirable dos directores, dos membros das corais. Esforzo e disciplina, paixón polo canto coral, capacidade de asombro. Ademais de degustar música aprendimos o evidente: Homes e mulleres cantando xuntos, dúas alas necesarias, imprescindible metáfora para toda sociedade que quere voar.

Como a beleza éche construción conxunta, así soou Negra Sombra: todas as corais cantando xuntas nunha interpretación fastosa e emocionante, capaz de romper os muros. E por fin o Himno Galego, feliz mestura dos versos de Pondal e a música de Veiga. O himno de todas, de todos que pechou o concerto aínda necesita pedagoxía liberadora para que das corais pase masivamente á xente do común.

Para que escoitemos o que din os rumorosos. O que contan da terra e do pasado. O que soñan para a mocidade e o futuro. O que din da lingua, esmorecente nos máis novos. O que din da música, vertebradora da nosa cultura. O día 17 de maio encheron de música e derrubaron con cancións os muros do cárcere. Cantando para Antón Fraguas.

Corais para Fraguas no Vello Cárcere
Comentarios