Opinión

Asaltar o paraíso dos libros

FOI MOI difícil que Hillary e Tenzing chegaran ao Everest. Que Colón arribara ao Novo Mundo sen outro mapa que un soño alucinado. Que Cousteau baixara ata o fondo da fosa das Marianas. Difícil foi chegar á Lúa e volver á casa. Unha e outra vez os humanos enfróntanse a retos difíciles. Cando tivemos a primeira noticia da remota ameaza dun coronavirus detectado en China, ninguén imaxinou que nun ano houbera en marcha máis de 360 vacinas. Seis ou sete aplicándose alí onde poden pagalas.

As cousas valiosas teñen alto prezo. E camiño dificultoso. Ler tamén é difícil: conquista recente para a xente do común. Aínda hoxe hai millóns de analfabetos. E moitos máis funcionais: saben ler pero xamais intentan a aventura de explorar un libro. Ninguén sae indemne dunha boa canción, escribe Marwan. Nin dun libro minado con ideas.

Ler precisa unha complicada cartografía, un mapa da illa do tesouro. Acompañar a Ulises na súa Odisea esixe coñecer a xeografía mediterránea, embigo de culturas.  E  preguntar  por  que tardou vinte anos en regresar á mínima ítaca cando os conmilitones de Troia volveron en poucas semanas. Demanda un pouco de teoloxía e moita mitoloxía. Adaptarse a outros valores e preguntar por que se esixe a Penélope tanta fidelidade mentres o guerreiro ausente nunca despreza os brazos de amantes, deusas, ninfas.

Ler é difícil porque obriga a traballar ao órgano máis preguiceiro: o cerebro humano. Ler é perigoso. En Alexandría houbo unha xigantesca biblioteca, forno e epicentro de sabedoría da Antigüidade. O fanatismo acabaría apagando con lume as luces do coñecemento. En 1933, na Praza da Ópera de Berlín queimaron os libros de intelectuais xudeus, marxistas, pacifistas, opositores que non collían no canon nazi. A barbarie contra a letra impresa chega ata hoxe. Máis dun millón de libros da biblioteca de Bagdad foron destruídos en 2003. Ou saqueados para vendelos. En 2014 o fanatismo nacionalista e relixioso incendiou a gran biblioteca de Sarajevo no corazón da culta Europa. Si, os libros son perigosos. Así como a poesía de Celaya éche unha arma cargada de futuro, a incultura e a cobiza veñen cargadas de pasado. Pero tamén de esperanza. As grandes bibliotecas renaceron das cinzas. Nunca como hoxe se publicaron tantos libros nin foi tan fácil ter un ben editado nas mans. Unha rede de bibliotecas públicas ofrece as conquistas do xenio humano. Só queda abrir un libro respectando a liturxia da lectura: tempo e silencio, luxos escasos.

Resulta difícil ler nun escenario de ruído e de furia. Embarcarse con Ulises sen as sereas do whatsapp atraíndo con asubíos. Concentrarse na tea de Penélope sen o chispeo das pantallas. Ser lector en soidade compartindo a soidade do autor. Ler, ou a difícil conquista do paraíso dos libros.

Comentarios