Opinión

Amigas árbores

"O día que seipamos o que val un albre..." laiábase Castelao na primeira edición de Sempre en Galiza, 1944. Afirmaba, "vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos". Escribiu palabras como xoias sobre o "símbolo espiritual de Galiza". Que dá moito máis que cartos. Onde ollos humanos ven árbores, a mirada cobizosa só ve madeira.

En xaneiro a borrasca Filomena cubriu de neve parte da Península. A súa poderosa arremetida danou un millón de árbores. Delas, 80.000 irrecuperables. Eses números xigantes son unha traxedia e catástrofe ecolóxica para un país como España, cada ano máis seco, máis ocre cada estación. Un dos máis ameazados do mundo pola desertización. Contra ela, as árbores, os bosques son a mellor arma contra o cambio climático provocado polos humanos,

Levamos séculos acumulando CO2 na atmosfera do planeta, o único capaz de albergar vida que saibamos. As árbores que desprezamos absorben eses gases e liberan osíxeno. Por iso resulta aberrante a indiscriminada tala da alfombra verde das selvas, pulmóns da vida.

A borrasca Filomena danou, só en Madrid, capital de todos e finca de ninguén, 150.000 árbores que humanizaban unha cidade que deshumanizamos os humanos. Sen dúbida os servizos municipais curarán as árbores feridas. As árbores nas rúas e parques refrescan a cidade interrompindo as illas de calor do asfalto e limpando o aire. Fan máis habitables pobos e cidades. Por iso hai que repoñer e curar estes xigantes xenerosos que transpiran e protexen.

As árbores son vida. Casas sen hipoteca das aves e despensa aberta para unha infinita bicharada. Non son só madeira que se tala, que se vende. Son indispensables para as formas de vida veciñas á nosa. Troncos e copas tamén pertencen aos paxaros e aos máis diminutos, tan necesarios para manter os ecosistemas: insectos, primeiro prato na paparota da vida. Non son monocultivo, son biodiversidade. Daquela, non parece razoable que unha especie alóctona, o eucalipto, teña aquí máis presión sobre o territorio que onde é orixinaria.

Virán outras borrascas con outros nomes, cargadas de ventos, de neves, de chuvias. O océano viaxará por riba das nosas cabezas. E as árbores aguantarán estoicas os seus embates. A natureza varrerá todo o seco, o podre, o inservible. A chuvia lavará a suciedade que estercamos. As árbores dan tanto a cambio de tan pouco que merecen respecto e coidados. Terman da terra e coidan desa propiedade social que son as paisaxes.

Os nosos ollos, a nosa pel, os nosos pulmóns, os nosos cerebros, as nosas hormonas, a nosa imaxinación, os nosos oídos, os nosos paseos, as nosas mans, as nosas mentes necesitan das árbores.

As nosas vidas e todas as infinitas vidas veciñas son máis vida á sombra amable, xenerosa, gratuíta, das árbores.

Comentarios