Opinión

Artesanía emprendedora

O término de artesanía, tráeme á memoria moitos recordos e sobre todo historias de neno. Desas lembranzas, nos derradeiros tempos naceume unha verdadeira teima pola necesidade dunha normativa de artesanía alimentaria, porque resulta desta subxestiva opinión un tema dunha importancia vital para as condicións produtivas do noso país, dada a nosa idiosincrasia. Fácil resulta de entender para aqueles que parten dunha situación económica máis endeble que necesitan esta plataforma para coller confianza de emprendedores.
Como ‘embaixador de Galicia etiqueta calidade’ durante este ano, débolle unha referencia á artesanía alimentaria polo seu recoñecemento oficial e a súa aplicación no mundo do proceso produtivo alimentario.

Normalmente cando se fala de artesanía á maioría dos mortais vénselles á cabeza, zoquear, facer un cinto de coiro, unha fíbula, un arete, etc. e poucos son os que pensan na artesanía alimentaria, aínda que sen recoñecemento oficial no noso país, se algo fomos, foi artesáns.
Nesta nosa terra, a cuestión alimentaria importante case sempre se entendeu como algo feito na casa e por conseguinte coñecido como ‘da casa’ ou ‘casero’, que en certo modo tradicionalmente se identificaba como o verdadeiro produto de calidade. A realidade histórica é que, durante longo tempo, o produto da casa e a calidade podían identificarse como todo un, porque non había ningunha cousa ou causa externa que o impedira, agás a limpeza da cociña onde se elaborara o prato ou se manexara a materia prima e as condicións de limpeza da elaboradora, que normalmente era unha muller.

Os avances tecnolóxicos fixeron que durante gran parte do século pasado, sobre todo na segunda metade, todas eses condicionantes, entre outros, foran cambiando, e aquela realidade íase convertindo noutra. Resultando curioso que parte dos consumidores, aínda hoxe non se decataron desa nova situación.

 A partires dos anos sesenta a poboación rural nova emigrara e a que quedaba ía avelluando, polo que as labores agrarias íanse salvando grazas á chegada da maquinaria, pero isto mesmo provocaba que os adeptos ao traballo manual descendera e o panorama tradicional da calidade tamén.
Con esta nova situación, a alimentación do gando, os tratamentos das producións e por conseguinte das materias primas cambiaran cualitativamente, non para mellor. Por un lado pola ignorancia do productor e outra pola fenotípica conciencia de producir cantidade; polo que a condición de calidade que se tiña a nivel de antano non era a mesma, pero o consumidor, agás excepcións como queda citado, navegaba cando menos na confusión.

Resulta evidente que todo aquel produto que poida saír etiquetado como artesanal ten certa vantaxe comercial, precisamente pola aceptación do consumidor de tal concepto

Esa idea confusa transmitíaase a nivel alimentario na parte comercial. Tal circunstancia era aproveitada por sectores produtivos potentes ou pícaros para sacar proveito desa situación e desorientando máis ao consumidor. Contra todo elo había que tomar determinacións que puxeran freo a tal despropósito conceptual e pragmático para crear un mundo produtivo e comercial máis xusto no noso territorio.

As denominacións de calidade e entre elas a agricultura ecolóxica aparecen para botar man na superación de problemas de calidade pero a microempresa e explotacións agrarias necesitaban unha protección e clarificación maior que se acada coa nova regulación a nivel de delimitación e promoción, vital pensando no mundo dos emprendedores e na nosa idiosincrasia.

Durante a experiencia profesional que un acadou, puido observar moitas iniciativas que se perderon por falla dunha atención especial a todo sistema produtivo dentro do capítulo artesanal. A protección tiña que empezar por unha verdadeira definición do que se entende por produto de artesanía. A falla de normativa axeitada que deu lugar a situacións comerciais con avantaxes para certos ‘listillos’, repercutía negativamente no campo, onde xurdían ideas pero fallaba o poderío económico, perdéndose moitas ocasións de xenerar riqueza e asentamento poboacional.
Non ofrece dúbida que o que interpreta a xente común poida que non coincida co considerado oficialmente, pero o importante é ter definido ese produto, ter acotados os seus límites e coñecer os procesos elaboradores e pasos permitidos, o cal queda recollido na correspondente normativa e normas técnicas.

Resulta evidente que todo aquel produto que poida saír etiquetado como artesanal ten certa avantaxe comercial, precisamente pola aceptación do consumidor de tal concepto, polo que ós galegos dadas as nosas estruturas produtivas vennos marabilloso. 

Se no mercado aparecían produtos artesáns que a todas luces non tiñan pinta de selo, estábase a cortar a evolución de iniciativas, que moitas empezaban pero quedaban absorbidas nun mundo confuso para o consumidor e impotente para o produtor

Nunha comunidade de minifundismo, de escaso espíritu empresarial, excesiva burocracia e pouca experiencia comercial, a artesanía alimentaria debería ser un imán para iniciativas que doutra maneira quedarían soterradas. Serve tal circunstancia para que se amplíe o abanico de posibilidades emprendedoras para xente que sen ese horizonte non se botaría a emprender.

Pola orde do 16 de febreiro do 2022 aprobábanse diversas normas técnicas e os distintivos identificadores da artesanía alimentaria e dende entón vaise camiño do cento de empresas acollidas ás normas de artesanía alimentaria, o que tendo en conta todos os antecedentes, consideramos que resulta un dato importante, esclarecedor e de futuro.

Resulta interesante para o noso medio rural sobre todo, destacar o que recolle o Decreto 174/2019, concretamente o da produción de ‘productos artesáns caseros’ en explotacións agrarias e ‘produtos artesáns de montaña’ que poderán reflectirse no etiquetado. Para este humilde escribidor, sabendo utilizalos, son aspectos fundamentais. Se a estes casos engadimos a potenciación de todo o relacionado coa ‘venda directa’ temos as armas suficientes para facer certos despegues produtivos e poder axudar ao asentamento poboacional no rural.

Coido que esas sinerxias posibles non están explotadas como deberan, apreciando unha necesidade de forte labor ao pé de campo e tamén en gran parte en proxectos combinados con turismo . 

Levou o seu tempo chegar a este punto de poder aplicar a normativa alimentaria e agora toca traballar arreo. Tamén compre recoñecer ó Agacal o seu esforzo en acadar este obxectivo, o que este servidor acolle con ledicia.

Comentarios