Opinión

Triplo engano a Galicia

A Pedro Sánchez bastoulle un mes na presidencia do Goberno para consumar o triplo engano a Galicia. Nada de cumprir os prazos do Ave; nada dos 200 millóns de euros que nos debe; e nada de comprometerse coa nosa industria. Nada de nada dos compromisos electorais. 

Dende o Partido Popular xa sospeitábasmos isto dada a facilidade de Sánchez para cambiar de opinión, pero non deixa de sorprendernos o descaro co que actúa o novo Goberno PSOE-Podemos. Semella que non coñecen a vergoña e, o peor de todo, que non lle importa en absoluto Galicia e os galegos. Nin o PSdeG, nin o BNG, nin o resto das forzas de esquerda galegas din nada, pero dende o PPdeG non nos imos quedar de brazos cruzados e reclamaremos ata o final o cumprimentos dos compromisos adquiridos. 

Con Galicia Pedro Sánchez decidiu mirar cara outro lado; decidiu que os problemas de Galicia son problemas de segunda e de terceira

Os intereses de todos os galegos e galegas non poden depender da cor política nin dos desexos de quen estea sentado na Moncloa. Por iso, por responsabilidade e por coherencia imos reclamar o pago íntegro das débedas que o Executivo de Sánchez ten contraídas coa nosa comunidade. 

Sánchez e a súa ministra de Facenda, María Jesús Montero, deben rectificar. Os 200 millóns que nos adebedan non son deles, son de todos os cidadáns de Galicia. Pedro Sánchez está empregando os cartos das comunidades para cumprir as súas promesas electorais, para cadrar as súas propias contas. E isto non llo imos permitir, porque non se xoga nin coa sanidade, nin coa educación, nin cos demais servizos públicos dos galegos e galegas. 

Pero as mentiras de Sánchez non rematan aquí. Prometera cumprir os prazos do Ave e agora xa sabemos que non chegará a Galicia ata o 2021, segundo as previsións do propio Executivo ou ata o 2022, segundo os cálculos de Europa. Tamén prometera resolver os problemas da industria electrointensiva e das térmicas e tampoucou o vai cumprir. E isto é moi grave porque hai milleiros de postos de traballo en xogo, moitos deles na provincia de Lugo. 

Con Galicia Pedro Sánchez decidiu mirar cara outro lado; decidiu que os problemas de Galicia son problemas de segunda e de terceira. Somos unha comunidade cumpridora e leal a todas as institucións e por iso dende a Xunta de Galicia e tamén dende o PPdeG esixiremos todo aquilo que pertence a Galicia e aos galegos. 

Comentarios