Opinión

Sánchez, impasible, e a luz, imparable

Os españois lembraremos este verán, entre outras cousas, polo elevado prezo que pagamos pola luz. A suba continua do custo da enerxía é xa escandalosa e o Goberno de Pedro Sánchez non fai nada por evitala. O presidente está cada día máis lonxe das preocupacións reais dos cidadáns. 
Sánchez volveu das vacacións para dicir que todo vai ben mentres hai moitas familias que non poden pagar a factura da luz ou chegar a fin de mes e moitos autónomos e comerciantes que ven como a suba da enerxía pon en risco os seus negocios. 

Pedro Sánchez está deixando a demasiada xente atrás. O Goberno prometeu que a luz non ía subir e acada máximos históricos. O Presidente minte agora igual que nos mentiu cando dixo que non ía gobernar con Podemos ou que xamais pactaría con Bildu e ERC. Non hai dúbida de que o seu famoso escudo social é outra mentira máis. 

A Sánchez volve a castigalo a hemeroteca: dende a oposición criticaba a Rajoy por subas moito menores e agora quere apagar o lume dicindo que cando remate este ano os españois teremos pagado o mesmo pola luz que no 2018. De verdade? Como quere que o creamos? 
O Goberno está esgotado, non ten ideas nin é capaz de aportar solucións. Por iso debe aceptar canto antes a proposta do Partido Popular para que o consumidor pague só polo custe da enerxía consumida. Que non nos siga enganando, só temos que mirar aos países do noso arredor para darnos conta de que o Executivo ten alternativas para baixar o prezo da electricidade. 

O principal problema é que están máis preocupados pola perda de votos e polas liortas internas que polos petos dos cidadáns. Mentres Unidas Podemos propón crear unha empresa pública de enerxía, Sánchez rexéitao. E os españois, que vemos como a factura da luz se triplicou no último ano, estamos fartos das pelexas entre os socios e queremos solución reais. 

Comentarios