Opinión

PSdeG, un futuro con luz superando sombras do pasado

Formoso e Besteiro, que segueron colaborando entre eles doutra forma nestes anos, xa foron a dirección do partido e aquilo acabou como acabou

NOS ÚLTIMOS catro anos, o socialismo galego creceu en todas as convocatorias electorais que houbo. Foi a primeira forza política nas eleccións xerais e europeas por primeira vez na historia, acadou máximos de representación municipal con tres deputacións e 113 alcaldías que gobernan ao 55% da poboación galega e camiñaba cara o liderado do goberno galego ata que a covid freou a mobilización política. Sen dúbida, o compromiso constante, o traballo conxunto e o proxecto colectivo ao servizo de Galicia son os cauces para avanzar en clave de futuro.

Foron os militantes os que deron o liderado a Gonzalo Caballero e o PSdeG fortaleceuse e empezou a muscularse. Certo é que isto ademáis coincidiu coa recuperación da secretaría xeral para Pedro Sánchez, cun impulso desde as bases na que tantos militantes participamos. Fomos socialistas que queriamos un proxecto de esquerdas e que estabamos fartos das baronías, das traizóns, das deslealdades cara a secretaría xeral. Dende as bases queríamos frear a esas baronías e fixémolo a través da forza da militancia. E acertamos, a historia deunos a razón.

E agora, catro anos despois, a militancia decidirá novamente o futuro do partido. A secretaría xeral elíxese por primarias e cada militante ten un voto. E o certo é que dende hai un ano algún, poucos e ocultos, xogan a xerar rumores e castelos no aire.

Porque serán os militantes os que decidirán co seu voto, e teño para min que pouco van premiar aos que dende a deslealdade queren botar un pulso soterrado ao líder do partido que foi elixido polas bases, e que sempre actuou con responsabilidade e poñendo a Galicia e ao PSdeG no eixo de todas as súas actuacións.

En fronte non hai candidato millor nin un proxecto alternativo, polo que agora parece ser que xogan a inventar un suposto “ticket” que, no fondo, é unha rede que xa controlou o PSdeG e que nada positivo trouxo. Un retorno ao pasado con arrecendo a baronías rancias que pouco pode dicir á Galicia do futuro.

Nada que non se coñeza. Porque Formoso e Besteiro, que segueron colaborando entre eles doutra forma nestes anos, xa foron a dirección do partido e aquilo acabou como acabou. Formoso seguiu coaligado á empresa térmica do seu concello, unha das máis contaminantes de Europa, sen capacidade de previsión, de ver o que ía pasar. E Besteiro tivo que enfrentarse aos xuíces por varios casos dos que está quedando felizmente exonerado, pero tamén é consciente de que a sombra do Garañón, pendente de derrubo e indemnización, segue presente na cidade e en Galicia. O que a dereita quere: mochilas pesadas.

Así que, como Formoso sabe que non ten opcións, tenta aparecer con outros, pero xa sabemos que nas anteriores primarias Gonzalo gañoulles a ambos por goleada a pesares de que Besteiro ía casa a casa e Formoso agrupación a agrupación. Porque son os militantes non os poderes da deputación os que deciden. E o retorno ao pasado non é positivo, e como millor mostra a maior xestion política de Besteiro á fronte do PSdeG: unha operación de relevo na Deputación de Lugo que acabou rachando o grupo de goberno e entregando a Deputación ao PP.

Fronte ás sombras do pasado, hai luz cara ao futuro do PSdeG. Por iso non podemos retroceder no proxecto galeguista, federalista, municipalista, ecoloxista, feminista e de esquerdas do noso PSdeG que, cun líder novo, que leva dous anos no parlamento, debe contar co apoio e a lealdade de todos para seguir crecendo. Porque o colectivo debe estar por riba do individual. E iso é importante para remar cara as eleccións xerais e municipais do 2023. Ese é o obxetivo electoral que toca, porque queremos ver cara o futuro e non regresos ao pasado.

Comentarios