Opinión

Que inmenso erro

UN PARQUE de atraccións decidiu animar a súa pista de esquí botando peixe e marisco baixo o xeo para crear un singular atractivo visual nunca visto nun lugar de recreo deste tipo. Pero a reacción popular foi de furia cando se soubo de que ía o experimento. Lóxico, tendo en conta que estamos a falar da prefectura de Fukuoka, en pleno Xapón, a pouca distancia da cidade de Hiroshima. Polo menos para min, non foi ningunha sorpresa esa reacción de furia por parte do público, que mesmo acusou á empresa de desalmada por facer unha exhibición tan descarada da morte deses animais. Non hai moito tempo, eu fixen parte do Camiño de Santiago na compaña duns xaponeses e un día decateime de que un deles se retrasara con respecto ao grupo. Volvín atrás e vin que estaba a recoller un paxaro morto, tan pequeno que ninguén de nós reparara que estaba no medio daquela corredoira. Colleuno con moito coidado e puxo nunha beira, cuberto con pedras e algo de area. Esta cerimonia semella excesiva para un occidental, pero ten todo o sentido para un xaponés shintoista, para quen a natureza é unha manifestación do mundo espiritual. Por iso, o monte Fuji é algo máis que un lugar no que se fai trekking ou escalada e os xardíns son lugares de meditación. Isto, que para nós é novidoso, forma parte da filosofía da vida de calquera xaponés, por tanto non deixa de sorprenderme que a tal compañía do parque de atraccións fora tan insensible como para utilizar animais mortos como motivo de recreo. Así que podemos etiquetar este incidente como un erro inexplicable, como ocorre cando un paciente é operado dun órgano san ou cando un avión cae por falla de combustible. A cotío temos que convivir con este tipo de fallos que se dan en calquera ámbito, pero que son inexplicables cando hai detrás técnicos e especialistas na materia. Lémbrome agora da famosa autovía de Mondoñedo, sempre envolta en bruma e néboa, mentres no val está perfectamente despexado. Calquera que analice o problema diría que o proxecto fora redactado e executado por enxeñeiros alieníxenas ou, polo menos, estranxeiros que descoñecían o terreo. Pero non, eran de aquí, déronlle mil voltas e mesmo indicaron no estudo técnico que consultaron a expertos en climatoloxía. Finalmente todo foi errado e agora é unha mágoa ter que desviarse da autovía e coller a vella estrada nacional de toda a vida. O día en que a amañen como é debido converterase na vía principal e entón quedará ese treito de pontes entre as nubes como monumento á incompetencia. Porque unha pista de patinaxe axiña se desconxela e se volve a conxelar; pronto será unha anécdota. Pero esa autovía, feita con tan pouca cabeza, hai que roela.

Comentarios