Opinión

Himno nacional

OS XOGOS Olímpicos van encher un oco deste verán, un tempo no que sempre hai momentos baleiros, por non dicir que hai xente que acaba por aburrirse de non ter que facer. Loxicamente, os máis interesados en converterse en espectadores son os amantes do deporte, mesmo os que hai xa tempo que non corren, nin pasan polo ximnasio; son os chamados afeccionados, que ven as competicións desde o sofá, particularmente os partidos de fútbol. No caso concreto das Olimpíadas dáse o caso curioso de que mesmo xogos tradicionalmente esquecidos, levantan interés por aquilo de ir contando as medallas que cada un se quere colgar. Porque, máis alá de quen estea a correr por un campo ou nadando nunha piscina, parece que os premios son verdadeiramente para o país ao que representan, e para o himno que se escoita unha vez rematada a competición. Ese orgullo por ver ondear unha bandeira no alto do mástil fainos lembrar que o sentimento nacionalista segue a pervivir nun mundo no que algúns pensaban que o poder dos símbolos estaba en decadencia. Pola contra, a xente segue a poñer a súa emoción nun pedazo de tela, mesmo cando se trata de atacar unha idea, así que unha das ideas máis socorridas para tratar de insultar ao inimigo é a queima dunha enseña. Son numerosos os países que castigan con cárcere tales aldraxes; as autoridades saudíes chegaron a prohibir, con ocasión dun campionato de fútbol, que a pelota estivera adornada coa súa bandeira, por mor de evitar vela arrastrada a patadas polo campo. Por ese mesmo motivo, moitos cambios políticos non se consideran completos ata que se ven reflectidos nos símbolos nacionais.

Dixo que era para representar a revolución bolivariana, pero estaba convencido que a verdadeira estrela era el

Esta tentación as veces cae no anecdótico; por exemplo, cando Hugo Chávez decidiu que a bandeira venezolana tivera oito estrelas en lugar de sete, como tiña sido desde sempre. Dixo que era para representar a revolución bolivariana, pero estaba convencido que a verdadeira estrela era el. Se teñen a fortuna de que os seus atletas salten máis alto ou corran máis rápido nas competicións destes xogos olímpicos de Río de Janeiro, países como Libia, Georgia ou Birmania tamén van ondear bandeiras recentemente renovadas. Pola contra, Australia e Nova Zelandia, que están pensando tamén en mudar de enseña, de momento concorren coas tradicionais cores da época colonial. Como teño varios plans para estes días, seguramente pouco me vai ocupar esta Olimpíada; xa me irei enterando pola prensa de como vai o espectáculo de izado de bandeiras. Tamén dese particular mercado de valores, que é o chamado medalleiro. Durante uns días vai dar folgos aos espíritos patrióticos.

Comentarios