Opinión

Gato por lebre

Están a saír elixidos personaxes como Bepe Grillo ou Donal Trump, que en circunstancias normais so valerían para facer rir nun circo

TEN GRAZA que un grupo de rapaces que se aburrían nun museo de San Francisco decidiran gastar unha broma e, ao tempo, facer un sinxelo experimento sobre a apreciación da arte moderna. Pousaron no chan unhas gafas, por certo moi semellantes ás miñas, e axiña comprobaron que os visitantes se amoreaban para contemplalas e facerlles fotos. Pensaban eses improvisados espectadores que esas gafas formaban parte dos fondos museísticos. O certo é que este tipo de confusións non son estrañas nos museos de arte contemporánea. A historia de que os empregados do lixo tiraron unhas pezas que estaban preparadas para ser expostas semella unha maldade inventada polos puristas, malia que sexa verdade. Non menos certo é que algúns artistas son expertos en elevar a excentricidade á categoría de arte. Velaí a Damien Hirst, que ten chegado ao máis alto, non tanto pola calidade das súas obras, senón pola súa capacidade para provocar e vender caro. Por exemplo, cando lle deu por meter animais enteiros nunha solución de líquido conservante. Por esta vía gañou tantos cartos que se converteu no artista máis rico do Reino Unido. Mesmo sen ter gran mestría co procedemento, porque o un deses bichos (creo que era unha quenlla, ou tiburón), polo que un coleccionista pagara algo máis de oito millóns de euros empezou a pudrirse e houbo que substituílo por outro animal da mesma especie. Iso si, sen ningún tipo de gasto para o propietario actual, cuberto como estaba pola garantía e tendo en conta que a materia prima era barata. Unha das características dalgún tipo de arte moderna e que semella estar ao alcance de calquera que o queira imitar. Seguindo unha sinxela receita de conservación, quen non é capaz de meter en formol un animaliño. Pero hoxe a arte é máis mercado que academia, máis marketing que destreza. Hai quen pensa que todo se deriva dunha crise de valores. Non só enchemos os museos de pezas de dubidoso gusto, senón que damos paso nas nosas vidas a falsos ídolos. Na política estamos dirixidos por xente con escaso currículo e curto talento. Están a saír elixidos personaxes como Bepe Grillo ou Donal Trump, que en circunstancias normais so valerían para facer rir nun circo. Outros, como algunhas figuras da extrema dereita europea ou o recén elexido presidente de Filipinas, Rodrigo Duterte, encaixarían mellor nunha película de terror. Podería seguir cos deportistas que se dopan, os predicadores que levan dobre vida, e tantos outros que non teñen máis valor ca falsa moeda. Pero, aínda así, venden.

Comentarios