Opinión

Xantar fóra da casa

HERDEIRO NON xanta na casa os luns. Pertence á escola posmoderna da irmá segundo a cal as distancias son relativas. A cativa xa nos convencera de que non podía facer parada no lar fogareño os luns porque tiña clase de mañá e de tarde. Ao vivirmos a trescentos metros malcontados do instituto perdía máis tempo se viña pola casa que se ía comer a un bar en compañía das amigas. Os bares aos que acudía sempre estaban a máis de trescentros metros bencontados. Supoño que o factor que altera a suma da minutaxe é a presenza doutras rapazas que lle daban alento para xantar rápido ou que os camareiros son máis rápidos que a nai na cociña, pero o argumento deixábame perplexo.

O resultado coquinario dos luns é que a filla estuda fóra e o fillo prefire a conversa amiga á conversa paterna. A miña muller tampouco veu onte porque estaba librando Galicia dalgunha catástrofe laboral inaprazable. Houben de cociñar coas horribles consecuencias que iso representa.

Imbuído pola anarquía ordenancista familiar improvisei un prato de garavanzos, espinacas, pementos, cebola e allo. Quería imitar o desarme, que é cocido de bacallao que cociñaron os liberais para aliviar a carga sancionadora carlista na fin do sitio de Ribadeo no 30 de maio de 1840.

Se me vin na premura desta anarquía culinaria foi porque a miña muller, mestra e dignataria dos fogóns domésticos, non me permite anotar nada cando cociña porque a súa precisión nas medidas é "unha presada" para a fariña, "o que ti vexas" para a cebola e "non cargues moito" co viño de Ribeiro.

Teño un caderno de receitas no que vou anotando os seus procesos culinarios, pero serve para tanto como a biblioteca incendiada de Alexandría. Iso si, poño un nome en francés a cada prato.

Comentarios