Opinión

Os valses de Strauss soan na feira de Castro

CADA PRIMAVERA compro calcetíns para o inverno. O meu sangue é tan lento e preguizoso que non baixa ata os pés. Non teño a sorte de Verlaine: "Escoita, é o noso sangue que canta". 

Compro nas feiras que se celebran nas terras que median entre Lugo e Os Ancares. Esa comarca exhuberante queda cuberta de neve segundo a Terra xira no solsticio de decembro. Os naturais desas terras aprecian o abrigo duns bos calcetíns. Metín a familia no coche. Entreguei a chave á muller. Ela acúsame de atender ao carballo e á castiñeira, á casa grande e á fonte de auga limpa.

Condeáme por ignorar o fluír tedioso do tráfico da autovía.

Baralla aleitaba vida. Había furgonetas con embutidos, un rapaz que anunciaba churros coma ramos de lirios e un posto de sombreiros de palla para divas do Teatro Alla Scala. Resolvín o frío dos pés con tres pares: amarelo pardo, azul mariño e negro chocolate.

Fomos xantar o polbo nun foro romano cuberto por unha carpa. Case esquecín que estamos en pandemia entre o fumegar das potas, as voces alegres e o pan que coce Fe co seu toque doce de amargura nunha panadería cerca do cuartel. O queixo era, evidentemente, de Castela. Os galegos desconfiamos do noso queixo para os xantares solemnes e fraternos das feiras. Reservámolo para o bocado de antes de deitarnos.

Ao ver ese queixo grandote e dourado lembrei que na feira de Castro de Rei deixaban a peza sobre a mesa. Ao rematar pesábano e cobrábanche a diferenza. O queixo desa feira era comunal. Acordei tamén un acordenista e a súa querencia polos corridos e polos valses do Strauss vello. Eu prefiro o fillo. De volta á casa atopei en Milanuncios un acordeón Crucianelli de 37 teclas a 4 voces e 96 baixos a 5 voces que se vende en Castro de Rei. Hai demasiado tempo que non vou á feira de Castro.

Comentarios