Opinión

Un rito sinxelo

O primeiro día do verán no que me coincide con Mediante en Ribadeo imos tomar un café a Rinlo. Gústanlle os coches vividos. A min, que conduza un BMW clásico.

Montábanse en Alemaña cando arponeaban baleas no corazón salgado do Atlántico. Cando entraban no porto atábanas a bois. As cordas arrastrábanas ata o fondo do Río Pequeno. Os nenos perseguíanse por riba dos cadáveres de pel gris e seca. Se camiñas con atención entre as rochas podes ver restos de sangue fosilizado. Parece pintura dunha fachada. O meu pai tenme falado da traíña dun antergo noso que arponeou unha balea de cen toneladas no golfo de Bizkaia. Viuse arrastrado polo poderoso animal durante centos de millas náuticas. Esgotados ambos, a loita rematou en Rinlo.


 De adolescente corría cada tarde na bicicleta ata Rinlo. Unha vez lin que Hemingway visitara Rinlo. Preguntei a un mariñeiro. A rosa dos ventos sopraba tatuada no peito. "Non sei de quen me falas, pero o meu neto quita unhas fotos preciosas". Ensinoume varias. Carecían de emoción.

Volvín atopar a Mediante onte. Abriu a capota do coche. O sol estendíase con avaricia pola vila mariñeira. Os foráneos non saben buscar o sangue das baleas, pero saborean o arroz caldoso.

Fago este apuntamento ácedo por puro egoísmo. Rinlo perténceme na medida nula en que lles pertence a eles. Gustaríame apoderarme de Rinlo co respecto foráneo que amosaron Carlota Eiros e Beni Salgado ao chegar hai décadas. Gustaríame telos saudado onte. Teimaron en rehabilitar as casas da Ribeira. Pintáronas de cores bonitas e vivas, coma o BMW vermello. Cada quen conduce como é. Mediante é sensato, cadencioso e preciso. Despois do café fomos facer un percorrido en coche polas cetáreas. O home devolve ao mar a vida que lle quitou ás baleas.

Comentarios