Opinión

Trompetas, tambores, bandeiras

DAVID É o nacemento do Miño. Os ollos son claros coma a lagoa de Fonmiñá e a alma é de osíxeno coma o pedregal de Irimia. Atopeino en San Fernando.

Camiña cunha estrela na fronte e un cantar no bico. Leva dende o 14 anos traballando en bares. "Empecei no Madrid, hai 46 anos". Agora atende na rúa dos viños; na adega San Vicente, penso. Paramos na cabina da Once. Xa que a Lei non lle deixa xubilarse bota os papeis para o Azar.

O primeiro bispo de Bretoña, Maeloc, deixou anotado nas actas do Concilio de Braga do 572 que "ser é ser precibido". David lembra ver o Emérito "inaugurando o pedrolo" da porta de San Fernando, ese granito de carbono 14 que data en 2.000 anos a Muralla.

No semáforo que está diante saúdame Prudencio Argibay, o coleccionista de libros asinados por persoeiros. A súa biblioteca de rúbricas reúne 4.400. Como está solteiro non tivo que alugar un trasteiro para os libros. Prudencio viste unha máscara preciosa. Azul mariña. O debuxo é un escudo flanqueado por trompetas, tambores, pífanos, bandeiras e alabardas. Vai reproducido moitas veces en pequeno. Diría que son as armas dos Burk, uns irlandeses renegados que desembarcaron en Ribadeo no século XVI para asentarse en Outeiro de Rei. Patricio busca facerse notar. Botou os papeis para o récord Guinness. "Vai moi lento".

Vou facer un recado nunha xoiería da avenida da Coruña sen idea da altura á que se atopa. Asumo que debo percorela toda mentres miro a elevación desagradable que colle esa rúa cara a Garabolos.

David nunca pediu un autógrafo. Viu a comitiva de Franco subindo pola avenida de Madrid nos anos 70. "Eran vinte coches negros". O franquismo era lúgubre. Adolfo Suárez e Calvo Sotelo xantaron no Verruga. "Vaime contar a min a Transición o Coletas!".

Comentarios