Opinión

Todos os horarios de misas en Compostela

COMPOSTELA é unha cidade santa. Unha urbe debe ter máis igrexas que prostíbulos rexistrados no censo municipal para acadar a santidade. 

No abril dos 19 anos aprendín os horarios de todas as misas de Santiago. Saberse ese listado dá para opositar a coengo chantre.

A miña tía Charo era capaz de facer marabillas cun xarrete, dúas cabezas de allo e un lume manso. Os domingos universitarios xantaba na súa casa. Era unha muller sólida e hermética —vasca, nunha palabra— das que se desviven por ti simulando responsabilidade.

Ás veces falabamos de teoloxía. Ocorréuseme citarlle a Hans Küng. Charo opinaba que era "un téologo para librepensadores, deses que mesturan a fe e a razón, que é como mesturar o aceite e a auga". Eu estaba de acordo coa definición. Houben de calar que tamén son librepensador. Quería demasiado á miña tía como para saír do armario da fe.

Acordei de Charo onte polo pasamento de Küng. O papa dos ateos mantivo unha discusión de décadas sobre Deus con Joseph Ratzinger —despois Bieito XVI— dende que ambos eran novos. O piso da miña tía era unha franquicia eclesial. Á dereita, segundo se entraba, tiña un cuarto cativo cun reclinatorio e imaxes de santos e virxes. Esa capela doméstica era un refuxio nuclear por se caía sobre ela unha catástrofe ou enfermaba e non podía ir á eucaristía. Nunca precisou usala. Gastaba uns zapatos negros e pesados para camiñar Compostela de templo en templo nunha peregrinaxe interior.

Cando eu entraba na súa casa, en domingo, preguntábame a que misa fora. A primeira vez, candidamente, inventei unha misa e un horario. "Que raro! Non sabía que misaban en Santa Susana ás once...". Aquela tarde corrín ao arcebispado pedir unha guía de horarios a Rouco Varela.

Comentarios