Opinión

Tan cedo que

ERA TAN CEDO que Quique Bordell estaba subindo as escaleiras do estudo de pintura en Campo Castelo. Levaba a cabeza agachada entre as montañas dos ombros. O balanceo recordaba un tráiler amanecendo na autoestrada. Saudeino. Non me escoitou. Killo, que vive en Londres para sentirse máis chantadino, dime que en Lugo hai máis néboa que na capital británica.

Subín detrás de Bordell. Era tan cedo que berrei: "Onde vas, Quique?" "Vou ao carallo!", informou. O recibidor estaba escuro. Nin sabía a quen falaba.

Quique abre a porta do obradoiro cando é cedo e péchaa na noite. Non ten medo. De feito bromea co medo dos outros. Durante un tempo puxo nun portal un cartel profesional: Quique Bordell. Asesino a sueldo. A policía local tolerou a coña durante uns meses, ata que temeu que a broma saltase dos límites da cidade. Mandáronlle quitar a placa. Quique ten un 24 horas non que soamente ofrece dúas cousas. Son de calidade: tabaco e conversa. Eu non fumo. Gústame visitalo de cando en vez para que poña ao día dos avances en física cuántica.

Convidoume a sentar no seu estudo, pero era tan cedo que eu tiña marchar a unha rolda de prensa. Díxenllo: "Presentan un festival de poesía ás dez e media". Miroume horrorizado. "As dez e media? Que lles pasa agora aos poetas?".

Despendínme de Quique. A presentación non era de poesía, senón de musica. Non lle falarei a Quique do Festival dos Eidos porque lle vai parecer peor que os músicos madruguen.

Ao saír atopei outro artista. Germán Refojo tomaba café nunha terraza de Campo Castelo. "Como estás, Germán?". Recolocouse na cadeira, puxo un pescozo de xirafa e soltou: "Xu-bi-la-do". Empecei a camiñar cara atrás para afundirme na néboa coma se caese nun colchón branco.

Comentarios