Opinión

Saúdo frugal

Camiñaba cara ao mercado tirando do carro da compra. Tirando desa áuriga síntome Caio Apuleio Diocles, que competía no circo romano por pura ambición.

O deportista da Lusitania correu ata pouco antes de morrer. Mantivo o vigo para guiar un carro de cabalos a gran velocidade. Pensando nel atopei a Manuel diante dos institutos. Preguntóume polo artigo de hoxe. Adianteille que trataría de tomates, pementos, cogombros e calabacíns. Comprar hortalizas é a actividade máis excitante que pode experimentarse en Lugo agostando xullo. Manuel non cumpre 20 anos dende hai cincuenta. Fomos compañeiros en clase de Inglés ata a pandemia. Mantén o pulso da curiosidade. Sócrates nunca foi vello porque se interesou por aprender danzas ata o último día.

Pasei pola Modernita para un saúdo frugal. Eva anunciome que pecharán unha semana, polo que debo valorar se escribirei columna eses días. Miguel Mouriño tomaba un chato. Comenteille que viñera de Ribadeo empuxado forzadamente polo vento Nordés. Caeu na conversa O Gallopín. É a voz lírica máis aplaudida da vila salgada xunto a Pepe del Norte. Hai anos que non o vexo pola rúa, pero xuraría que sigue cantando. González Ruano estaba facendo unha columna no hospital da súa despedida. Unha monxa pensou que a febre de escribir aceleraría o seu pasamento. Arrincoulle os folios das mans. El protestou: "Vostede pode deixar de ser monxa unha hora da súa vida?".

No Olimpo ribadense da canción lixeira tamén se eleva Pepe del Norte. Se Gallopín desprega a voz crioula para deleitarnos con boleiros, Pepe del Norte canta co rigor castizo de Chamberí. Non sabería dicir cal de ambos está nunha nube máis alta na consideración local. Tanto O Gallopín coma Pepe del Norte actuaron en Luar.  Nin un globo azul pode subir máis alto.

Comentarios