Opinión

Un santuario de ovnis

"CÚMPRENSE 25 anos de todo", observa Carlos Maracaibo mentres le El Progreso. Ten unha forma lenta de pasar as follas do xornal, ten unha forma lenta de tomar o café, ten unha forma lenta de apartar o pelo coa man bonita e femenina para mordisquear os churros.

Prosegue: "Cúmprense 25 anos dende que un paisano de Friol afirmara que lle aparcou un ovni na finca e 25 anos dende que Aznar empezou a gobernar España coma unha finca". Maracaibo desconfía tanto dos políticos como dos militares. Regresou de Venezuela porque uns e outros lle foron comendo o latifundio en Maracaibo ("quedou un cabalo que se escondera, regaleillo ao capataz"). Cando lle preguntaron en Barajas se tiña algo de valor que declarar mirou os seus bauis de coiro e as maletas de veludo, e proclamou: "O meu talento".

Deu un sorbo ao descafeinado cargadísimo de leite e díxome: "Antes todo era máis serio. As aparicións eran marianas, non de humanoides vestidos en Decathlon", sinalou. Temín un chiste coa aparición mariana de Rajoy, pero o seu humor é sofisticado. 

Estaricou o dedo co anel da pedra púrpura. Sinalou coa uña longa a noticia inspirada de Javier Rivera. "Se cadra ese home de Friol pensa que somos parvos, que imos crer que da nave baixaron cinco ou seus extratrerrestres que ‘saltaban coma monos’". Moveu a cabeza levemente, como se sacudise a melena do pó de obra que fan na Praza de Abastos para engadir: "Levaba razón o seu irmán. Se cadra era media ducia de rapaces de festa nunha discoteca móbil".

Bertorella quitou a carteira para pagar o ribeiro e os nosos cafés. Ama os cartos, por iso quere que os amigos disfrutemos deles. Daquela expuso a súa teoría: "Vos coñecedes algúns santuario de ovnis? Se o señor de Friol, en vez de ver un ovni, ve a virxe María aínda lle quitaba cartos á finca".

Comentarios