Opinión

Regar a planta

O ABURRIMENTO medra e medra. Acaba por enquistase. Ameaza con non baixar, coma a marea na praia das Illas. Non sei se as mareas manteñen a cadencia das seis horas.

Deixei de ir á praia canco os meus fillos aprenderon a nadar. Do deporte conseguira saír sendo novo. Parei de xogar ao baloncesto en canto a maioría de idade mo permitiu.

Os Xogos Olímpicos abúrrenme dende que era neno e caía a choiva grosa e quente do verán. Como mellor distracción miraba os nadadores perseguindo as bandeiras dos seus países na televisión.

Intento manterme illado. Un soldado espartano que estaba na batalla das Termópilas correu á tenda de campaña do seu rei. Presentouse pálido, tremía. "Os arqueiros persas están lanzándonos tantas frechas que parece de noite". Leónidas cuspiu o óso dunha oliva e respondeu: "Loitaremos entre sombras".

Apago a radio cando escoito a palabra maldita: Tokio. Levo días sen mirar as redes sociais. Mandei a familia a Ribadeo, descolguei o telefoniño por se ao meu carteiro, asturiano, se lle ocorre facerme un comentario sobre Ana Peleteiro. Atranquei a porta e puxen unhas toallas por se me entra un récord por debaixo. Baixei as persianas para o caso de que algún veciño celebre unha medalla gañada por España ou algo así.

Descubrín este días que dispoñer de ocio salgado e ancho como o Cantábrico me provoca ansiedade. A exasperación é tan grande que levo días regando a planta. Escribo en singular porque unicamente teño unha. Ignoro a especie. O primeiro día dos Xogos atopeina tan murcha e triste que tiven que facerlle o boca a boca. O ritual agora é botarlle un vaso de auga nas raíces diariamente. Como é a única actividade da xornada préstolle o tempo e a delicadeza da ‘cha-no-iu’, a cerimonia xaponesa para tomar un té en solitario.

Comentarios