Opinión

Un policía da Secreta

ERA DEMASIADO cedo para falar. Tan temprano que en La Modernita aínda non botaran o lacón a cocer. Luciano recibiu unha chamada. Abriu a cremalleira do chándal co escudo dos austrias. Os seus dentes son tan pequenos que non sabe sorrir. Sabes que existen cando se tiñen de colorado co viño. Cobrara 1.200 euros dalgunha finca. Malvendeuna, pero o tinto provoca sede. Pagoume o café. Eu estaba lendo Religión Digital. Fumata branca en Mondoñedo. 


Luciano explicoume que o chamara un amigo de Meira para que lle mandase tabaco de picadura no autobús. Sabía que lle ingresaran unha cantidade bonita. "Os cartos fan boas amizades", observou.


Unha vez atopeino no Gadis da avenida da Coruña. Saudoume por xestos. Deume a entender que falaba cunha rapaza. En español. Incidindo no son do ‘j’ coma un ruso. Estaba contando á moza que iría vela a Monforte en cando tivese un día libre, que «los horarios de un policía de la Secreta son complicados». Luciano é moi secreto porque non chega á altura dun coche patrulla sen luces de alarma. Viste unha chaqueta de chándal vermella, a xogo coa gorra, e un vaqueiro negro.


García Escolano tamén vestía un vaqueiro negro cando montaba en bicicleta por Mondoñedo. Entre a curia valeca non gustaban esas levedades na etiqueta do bispo, pero a sotana podía enganchárselle na catalina ou, peor, nunha roda. Estaría encantado de correr na Volta Ciclista a Galicia. Ideouna a Sociedad Poliesportiva Mindoniense en 1936, aínda que se atrasou nove anos.
Leo en Religión Digital que Rouco Varela paseaba nas sombras cardenalicias para entregar a mitra de Mondoñedo a un cura galego e conservador, tanto monta. O nuncio Bernardito Auza saltou do gruppeto nomeando a García Cadiñanes, que "huele a pastor".

Comentarios