jueves. 06.05.2021 |
El tiempo
jueves. 06.05.2021
El tiempo

Paula Prado non coñeceu a Pingaxusta

A deputada Paula Prado non necesita unha familia que lle limite o acceso á hostalería. Ela, por si mesma, decidiu que non volverá entrar nun bar de Santiago porque o dono colgou un cartel crítico cara a política da Xunta co sector. A deputada é de Compostela, pero non debeu coñecer a Pingaxusta, que tiña un bar no Franco. Gañara o alcume porque nunca lle caía unha pinga de máis no vaso. "Non son fillo de cura", explicaba. Nega ser sectaria. Se colgou imaxes do bar que vetou non foi por abrir unha lista negra, senón porque é unha política á que non lle gusta "que se politice a hostalería".

A postura de Prado dame envexa porque carezo de criterio. Admiro o seu carácter forxado na disciplina. Entre o respecto polos vetos que puxeron os meus seres queridos e un café negro, quente e razoablemente libre de escuma non dubido. Unha noite baixei ao muelle de Porcillán, en Ribadeo, e tirei o catálogo de prohibicións hostaleiras de orixe familiar. Prefiro non censurarme para evitar que me pase como a Giovanni Casanova. Describiu Valencia tras unha visita como unha cidade sucia "sen cafés nin lugares onde poder sentarse, salvo tabernas indecentes de viño detestable".

Durante os tres anos que botei en Santiago fun fiel cliente de Pingaxusta. Un home honrado. Unha vez chegoulle unha turista ao bar. Ela pediu mexilóns de Lorbé, "que me han dicho que son los mejores". "No me quedan mejillones de mar, señora. Tengo unos de huerta, cultivados en Cacheiras. Son de toda confianza. No les echan sulfato ninguno".

Paula Prado non coñeceu a Pingaxusta
comentarios