Opinión

Oliver poda limoeiras

NUNCA VIN durmir a Oliver Laxe. Atopeino de mañá en Santo Domingo. El baixara dende Vilela, nas terras máis elevadas do país. Viaxara dende Navia para entregar un papel que lle permita non ter que viaxar a Lugo para presentar papeis.

Escribe a documentación da asociación que organizou para colocar outra vez as pedras dos muros caídos e para cambiar os cristais rotos pola ventada das décadas. Reconstrúe un pasado que non viviu porque dentro del aniña a súa infancia. "Non teño tempo para facer cinema". Non se lamentaba, parecía contento de coller o camiño acertado na encrucillada.

O psicanalista Carl Jung escribiu que ía acontecer un terremoto político, un volcán social. Contábanllo os pacientes nos seus soños. E aconteceu Hitler.

Estamos feitos da materia dos soños, escribiu o vello William. Nunca vin durmido a Oliver.  Imaxínoo con ollos pechados e a barba recollida cun xesto suave das mans. El vén de París, de que as estrelas de Cannes brillen ao seu carón sen que necesite levantar a vista. Quero analizar os seus soños de pera para saber por que fixo un aparte co director de películas hiperpremiadas para vestirse de labrego, apicultor, cabreiro e podador de limoeiras. Hai unha felicidade que se nos escapa entre as horas a moitos.

Cando fun comprar o pan atopei a Manuel Veiga, profesor xubilado tras medio ensino da súa carreira en Castroverde. "Era mellor traballar. Tiña máis tempo libre", bromeaba. Argumentou que estaba máis ocupado, "pero máis ocupado no que decido eu". Xosé Manuel Eiré, o crítico literario, dicíame onte que recuperou unha horta, "pequena porque hai moito que rozar", e un tempo de conversa para os pais, avanzados na vida, na casa orixinaria de Lucenza.

Comentarios