lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Non hai desgaste

A MAÑÁ prometera frío ata o mediodía. As mañás de xaneiro son cumpridoras. Ao final do paseo, busquei a caloriña no bar de Gerardo. O café que serve ten intimidade cun pincho de tortilla delicioso coma un sol en si menor. Os clientes comentan as restricións. Antonio gasta unha voz autorizada de revisor ferroviario e se adorna cun palillo que o aristocratiza como se levase unha flor de lis bordada a man nunha gravata azul. Pepe consella resignarse. Senta na cadeira coa cadencia dun bispo de Mondoñedo. Cambiar de tema axuda a superar problemas. "Que bo está o viño!". Antonio dá unha reviravolta á mala noticia de que Gerardo pechará ás seis por sinatura de Feijóo. Busca a parte boa. "Así non hai desgaste".

Este sagaz tonecho "na reserva", como di el, recórdame as imaxes de Santo Agostiño vello. Ata os trinta anos o santo repartiu o tempo entre as tabernas, as mulleres e a herexía. Era maniqueo. Afirmaba que tanto o ben como o mal foron creados por Deus. Os teólogos de Milán deron feito un cristián recto de Agustín aos trinta anos, pero non lograron apartalo dos naipes, a esgrima e o puxilato entre xarra e xarra de viño.

Sandra Penelas informaba este mércores no Faro sobre un estudo dos Lago Peñas, os irmáns catedráticos dos que calquera quixera ser nai. Carlos e Ignacio conclúen que os futbolistas son máis trampulleiros nos países relixiosos que nos ateos. Os xogadores polacos son os máis inclinados a tirarse na área do rival porque a responsabilidade non é propia, senón divina. Dan a razón aos maniqueos. Mesmo o filósofo Leibniz razoaba que Deus permite que fagamos o mal para que poidamos arrepentirnos. San Agustín tamén era dado a facer piscinazos coa fe. Polas noites rezaba. Acabadas as oracións pedía: "Señor faime casto, pero non teñas ningunha présa".

Non hai desgaste
comentarios