Opinión

Mulleres que fuman tabaco de liar

A terraza do Ho Gruf!. PALLÓN
photo_camera A terraza do Ho Gruf!. PALLÓN

RECOÑEZO QUE non foi a mellor idea. Un vento danés entraba pola boca da muralla en San Pedro e varría toda calor na súa carreira enlouquecida cara a Campo Castelo.

Sentei tomar un café na terraza do Ho! Gruf antes de que o toque de queda das seis me fixese sentir noregués. Levaba a zamarra verde abrigada ata o pescozo, coma na garda noturna dun bacaladeiro, e o gorro mostaza calado ata os ósos. Pero facía demasiado frío.

Dúas mesas de madeira máis alá sentaran catro mulleres duns corenta anos. Calzaban tenis cos nocellos ao aire, vestían abrigos e fumaban tabaco de liar. A escena sería improbable nos anos 50. A miña nai tardaría unha década en sentar en cafeterías e fumar onda as amigas. Xa tivera fillos.

Pola conversa das catro mulleres deducín que eran profesionais respectadas do sector bancario. Unha falaba de que atendera a Francisco Rivera, o toureiro. Outra de que o dono de Mercadona a visitara no despacho. A miña nai non entrou no Banco de Bilbao porque o meu avó non quería vela entre homes. A miña nai non estudou para mestra porque a miña avoa fora deportada á serra andaluza. Confiou o seu futuro á lotaría matrimonial coma calquera muller guapa de clase media e urbana na década dos 50.

San Paulo ordena na primeira carta aos corintios que "as vosas mulleres calen cando vos reunades, porque non lles está permitido falar". Algo melloramos dende  o século I. Mesmo dende os anos 90, cando aquela universitaria de Santiago andaba polo campus co colchón da residencia sobre o que fóra violada. Denunciaba así que ninguén con autoridade fixera máis que compadecerse dela.

A muller gañou en dignidade, pero hai un ano eu baixaba ao portal para protexer á miña filla de 18, se saía na noite do sábado coas súas amizades.

Comentarios