Opinión

Merendar nun Peugeot 407

Alfonso Guerra. EFE
photo_camera Alfonso Guerra. EFE

SAÍN PASEAR. Ben acompañado: en solitario e con merenda. Camiñei trece quilómetros polo contorna de Lugo. Cando ando tanto tempo sen ter que dar conversa o pasado rodéame cos seus brazos tensos como se estivese presente.


Os meus amigos conservadores añoran "o socialismo auténtico". Cando me falan dese animal fantástico penso en Pablo Iglesias Posse e en Nicolás Redondo. Eles refírense a Guerra, Leguina, Corcuera e ao Nicolás Redondo, o sosías. O socialismo de 1996 pareceríalle liberalismo compasivo a Paulino de la Iglesia Posse, o neno do barrio ferrolán de Esteiro que marchou andando a Madrid para acabar sendo criado no Real Hospicio de Pobres del Ave María.


O socialismo español deste milenio mimetizouse cunha socialdemocracia teorizada intelixentemente por Pablo Iglesias Turrión, e aplicada tenazmente pola ferrolá Yolanda Díaz. O PSOE da Década Prodixiosa quere regresar ao pasado memorizando a novela de Ayuso, ese libro en branco titulado Libertad. Iglesias Turrión foi o parlamentario máis sabio dende Herrero de Miñón. Mediocre na vicepresidencia, Alfonso Guerra tampouco facía sombra a Torcuato Fernández Miranda, o franquista  que desmontou pedra a pedra a vella casa tétrica. Nin sequera vou comparalo con Rubalcaba.


Tal vez o resquemor de Alfonso Guerra sexa consecuencia do arsénico gris que tragaron os socialistas auténticos cando un rapaz que xogaba ao baloncesto gañou as eleccións dende unha oficina que cabía maleteiro dun Peugeot 407. Pedro Sánchez derrotou primeiro ao acorazado Potemkin de Felipe e Alfonso; despois, ao PP. Agora, está vencendo á mancha negra da nostalxia. Os socialistas dos 80 tardaron meses na Moncloa e no Goberno en merendarse aqueles ilusionados sevillanos que organanizaran o picnic en Suresnes.

Comentarios