Opinión

Medio corzo

ESTIVEN desguazando un polo asado. Debes afundir a punta dos dedos na carne graxenta e marrón, e ir separando as mans.

Soamente como carne se vexo un cacho pequeno no prato e bloqueo a imaxe do animal enteiro. Hai nenos incapaces de representarse un corzo se ven as cadeiras e o rabo. Eu represéntome a granxa e o transportista cunhas catiuscas verdes. Fuma Ducados mentres carga o camión.

Na rúa do Progreso vexo a Modesto. De rapaz facía fotografías. Leva un dixitalizador de negativos. "Teño milleiros de imaxes de romarías pagás, festas sen brida, vodas domésticas e inauguracións locuaces". Modesto ten paciencia e xubilación como para reunir os cachos nun puzzle de época.

En Santo Domingo, á sombra do pombo romano, Lugilde considera que adelgacei. Debería facelo. Todos os días camiño sete quilómetros e papo reservas para dez. Nunca sabes se te vas liar cando saes andar. O artista cóntame que o operaron dúas veces do corazón e despois enumera un manual de internista coas enfermidades que lle atravesaron o corpo estes meses. Cando sufrimos unha doenza aprendemos sobre orixe, desenvolvemento e secuelas. Concederíalle o honoris causa en Medicina por Santiago. Lugilde e máis eu conformámonos con festexar a vida; a súa, en concreto. O corazón ten o desgaste adolescente do amor e o desgaste adulto do bombeo.

En La Modernita preséntanme a María, marquesa de Astorga. Bebe té verde cunha melancolía desbordada. Vendeu o couto de caza en Chamoso a uns promotores de chalés. Síntese reconfortada polos cartos e angustiada polos corzos adolescentes. Na finca non dispara unha escopeta desde que herdou. Acaba o té, mira o pouso adivinitario e declama: "Eu sabía de ti. Agora teño unha visión completa. Imaxinábate baixiño, fumador de caldo de galiña e barbudo".

Comentarios