Opinión

Unha lingua de prata

Antón Bascuas insitía en botarlle as cartas a Rafael do Teso. Achegouse á mesa de La Modernita na que o coitado tomaba un café con churros.

Rafael derramaba cinza pola barba, agachado sobre o xornal. Consultaba os números da Bonoloto para contrastar a sorte. Bascuas quitou a baralla de tarot con ouros e pratas da pelliza que se coseu coa pel de tres lobos: "Compréndeo, nunca lle botei as cartas a un comunista". Rafael negaba coa cabeza, coa aura branca da barba colgando do queixo. Raña cunha moeda a papeleta do Rasca y Gana entre vasos de viño branco e tapa de lacón fumegante. Bascuas insiste, Rafael zanxa o asunto: "Non son escravo do azar".

Mentres discuten O Herdeiro escríbeme un Whatsapp para contarme que duplicara un investimento de 20 euros que lle dera para criptomoedas. Eu sinto apatía cara aos cartos. Nunca fomos amigos. Non lles entendo cando me falan. Fascíname que o meu fillo sexa capaz de descifrar ese cábala hermético no que se comunican  na bolsa de Nova York.

Ao cabo, Rafael deixounos sentar onda el. Revelounos unha historia que eu non coñecía. Un socialista de Lugo botouse a Francia para escaparlle a Franco. Volveu rico, acariñando o volante dun Mercedes. A súa irmá, que rezaba cada noite a Stalin, rompeulle os cristais do coche por extorsionador. Contábase de que el se puxera rico pasando rojos pola fronteira gala a cambio dunha mordida. Enriqueta combateu a plusvalía cunha barra de ferro. Rematado o conto Rafael do Teso citou a Timón de Atenas: "Ouro/ Escravo amarelo/ funda e destrúe relixións/ bendice ao maldito". Despois agachou a barba. Volveu rañar na tarxeta cunha moeda de euro que brillaba coma unha lingua da prata. Mirou o resultado. Deus ten misericordia dun marxista piadoso, pero o azar gasta outra soberbia.

Comentarios