Opinión

Liñares acaricia

Todas as noites, cando os pais estamos durmindo, os adolescentes acarician os seus móbiles. Nós non tiñamos aparellos tan sofisticados nin tan independentes na infancia. Sería raro que acariciásemos o teléfono. Acariciamos amores, cans, soños,... pero nunca un móbil porque o teléfono é para nós un aparello para agarrar e berrar. Subir o noso volume de voz parece imprimir velocidade á comunicación. Pero o móbil dun adolescente é un obxecto de desexo e consagración, o caudal polo que navegan cara ás súas noivas, amigos e compañeiros de clase; cara a entender quen son e o dedidir  quen queren ser. Se entra vostede no dormitorio do fillo ás catro da madrugada vai atopalo acariciando o móbil con agarimo e ilusión baixo a sombra da Lúa. Cun pouco de sorte rapaz restará durmindo e non poderá reprocharlle nada.

O escritor Vladimir Nabokov recomendaba aos escritores que estaba empezando: "Acariciade o detalle". Referíase a que nas descricións tivesen en conta o fume saíndo pola cheminea da casa ou a fotografía do capitán no broche que pechaba deliciosamente o pescozo da condesa.

Os detalles son fundamentais. Oito empesarios aseguraron o martes no xuizo contra Liñares que tiveran "detalles" co exconcelleiro socialista en Lugo. Correspondían ao seu natural dadivoso cando organizaba os plans de obras nese tempo en que presidiu a Confederación Hidrográfica Miño Sil. Din os acusadores. Linllo a Miguel Olarte. Pero imaxino que sucedería se as confesións dos empresarios se achegasen á realidade. Imaxino, dicía, o benefactor deitado na cama acariciando os detalles mentres o luar baña de prata a habitación. Mira cara ao cénit de luz, recita a Lorca: "Huye luna, luna, luna!/ Si vinieran los gitanos,/ harían con tu corazón/ collares y anillos blancos".

Comentarios