Opinión

O leopardo que viste a Elena Candia

O xornalista Pepe Seijo  preguntou ao presidente da Deputación pola protesta do Partido Popular contra os investimentos da entidade

Unha vintena de alcaldes do PP, cubertos con cascos vermellos e armados de ruídos plásticos, manifestou a disconformidade co reparto de fondos. O contido da queixa é un clásico da oposición provincial. Elena Candia escoitoulla ao PSOE naquel trimestre de mandato fugaz. O libreto era esperado como as películas nas que Tarzán adiantaba pola dereita a guepardos en carreira, pero a forma resultoume audaz.

Pepe Seijo citou ao exfutbolista Fran: "Señor Tomé, que?". Daquela o presidente provincial desenfundou un Winchester de folios cunha resposta cargada de furia e lastrada de humor tristón. Acusou de "podemita" ao PP. Non lle falta razón. A dereita lucense está estudando Comunicación Audiovisual na Universidade da Esquerda a dous cursos por ano.

A gravación da carta de Tomé aos filisteos pode atoparse no Facebook. Calquera asesor dun político sabe que a un éxito do rival non se lle pode regalar unha prórroga. Se a oposición logra prenderche unha fogueira nos xardíns keniatas de San Marcos debes apagala coa menor cantidade de auga posible. Entre as respostas posibles non figura baleirar un bidón de gasolina para incrementar o efecto do lume. Esperanza Aguirre explicoullo a M. Rajoy cando empezaron a gobernar: "Ha llegado el momento de ser humildes".

Tomé parecía doerse do queixo. Fixo referencia concreta a Javier Castiñeira cando a performance do PP non se refería a Foz, senón que era colectiva. Comparar a Elena Candia cun vaqueiro que asalta o Capitolio é torpe, pero as apreciacións sobre a tea de leopardo que se pon ou deixa de poñer para ir aos plenos... o silencio expresa mellor ca min o que penso.

Comentarios