Opinión

Leiceaga, a figueira e o manual

O DÍA DE ONTE foi unha ventá con pingas descendendo en carreiras de caracol. As nove da mañá eu xa estaba na rúa, tirando do carro da compra, que é grisáceo e tristeiro. A miña muller encargárame un quilo de gambón para un arroz. Ben sei o que está pensando vostede. A min tampouco me parecen horas de chuvias, carros e gambóns. Pero a miña santa argumenta que, se compro un gambón conxelado ás nove, para mediodía colleu a temperatura ideal entre o xelo e a frescura.

Na rúa do Progreso, diante da tenda apagada de viaxes, atopei o sarriao Xosé Aldea. Falamos do día de Rosalía. Gustoume a iniciativa do Bloque, aínda que non entendo a estrela vermella que pintaron na fronte da señora. Recordábame a cando eramos nenos e poñiamos a pegatina das mandarinas nese lugar para rir. Era un símbolo estrano, pero divertido. Gustoume tamén o xeito no que o PP respaldou a celebración, que me parece un achegamento ao galeguismo sen disimulo nin afectación.

Como Xosé é empresario cultural pregunteille se sabía dalgunha iniciativa socialista a respecto de Rosalía. Tras despedirnos pregunteime polo galeguismo do PSdeG: Piñeiro, Isaac, Ceferino. Agora soamente os mencionan cando se precipita unha primavera electoral. Unha vez pediron a Leiceaga que plantase a figueira, pero sentiuse máis útil quedando na casa para ler un manual de estrutura económica. Inés Rey salvou tanta apatía na Coruña.

Acordei da furia animosa de En Marea, do alento vitaminado de Podemos. Onde están para que Rosalía non lles mereza un respecto?  Quedaron conxelados coa última glaciación electoral. A súa letanía ten o mesmo ton que a obra rosaliana. Ela era triste porque Murguía nunca lle contou un dos chistes picantes que lle aprendían os amigotes na Cova Céltica.

Comentarios