Opinión

Florentino e o conto da leiteira

Florentino falou. Entregou as táboas da lei que ía rexer a Superliga. Tremeron os eucaliptos do monte Sinaí. Millóns de persoas pararon os tornos, detiveron os camións no arcén e pararon a agulla de coser o zapato porque Florentino se dirixía á nación. Florentino, un señor sen apelido, recibe no Palco do Bernabeu, que é a sala de audiencias de La Moncloa. Eu tamén o escoitei. Estaba tonteando co dial da radio e sentinlle: "Os menores de 24 anos non ven fútbol". Seguín xogueteando co dial. Pensei en que os deportes son e-deportes, en que as novas elites son e-deportistas que gañan unha pasta gansa sentados na cadeira do coche de Fernando Alonso mentres moven monicreques na pantalla.

Lembro a devoción con que mirabamos, na distancia tímida, os xogadores do Ribadeo cando estaba en Terceira. Javi era o carpinteiro; Nacho, cociñeiro. Moncho Reinante atendíache no banco. Impoñía amosarlle a cartilla porque era o capitán.

Engels acertou cando aconsellou a Marx non entrar en pánico no verán de 1852. Metera 400 libras na bolsa de Londres e houbera unha debacle. Engels acertou cando se atribuíu a paternidade do embarazo que o pensador alemán provocara á criada. A señora Marx marchara de viaxe de Nadal a Alemaña. Londres é frío pola noite.

Espero que a bomba de hidróxeno que a banca vén de lanzar sobre as sucursais e empregados non afectase a Reinante.

Cos e-bancos non sei se volverei ver a Ángel, director do Santander en Ribadeo. Ángel empeñábase en convidarme a un café. Poñía o cóbado na barra e falaba e falaba de economía. Ángel estaba convencido de que eu entendía de trading renting porque asentía. Nin idea. A miña muller é quen me xestiona o cobre. Aburriu de que eu sumase cifras como se fose a leiteira narrando o seu conto.

Comentarios