Opinión

A eternidade de Besteiro

Lugo está construído sobre dúas columnas: Roma, a histórica, e Orozco, a mítica. Nin Paulo Fabio Máximo nin San Froilán protagonizan tantas lendas como o exalcalde. Os seus milagres medran na néboa falsa da memoria urbanizada. Contan que recibía os veciños que o visitaban no despacho da alcaldía e os que querían despachar coa nacionalista Branca Rodríguez Pazos.

O maior desafío para Lara Méndez é escapar á sombra do profesor de Filosofía. Debe de ser odioso ser comparada mañá, tarde e festas de gardar co antecesor. Méndez promove obras fóra da cidade, coma na Garaballa ou no río, ou consígnaas nun plan quinquenal a rematar en 2026. Nada ten que facer contra a lembranza dun rexidor que gañou as eleccións memorizando currículos de estudantes para pedir o voto aos pais. "Seica o seu fillo é brillante en Lingua, a ver se mellora en Matemáticas".

Un amigo apuntaba onte que Álvaro Santos sería un aspirante estupendo á alcaldía. Santos vive nese cruce de camiños entre a xestión e a improvisación. Ese espazo humanízao vivamente. Pode cantar ópera polos corredores da consistorial coa mesma emoción que cuestionar a José Tomé por empuxar a Elena Candia a unha pasarela de moda. Ignoro se captaría votos, pero a atención non se lle escaparía. Permitiría á alcaldesa de tenente facer sombras chinesas nas paredes de San Marcos.

Todos eses movementos dependen de se o difunto Besteiro volve axitar as augas do Miño. O candidato suspirado polo PSOE marchou advertindo aos xuíces o mesmo que Miguel Servet aos inquisidores: "Continuaremos esta conversa na eternidade". A eternidade vai recurtando prazos nos tribunais.

Sempre que atopo a Besteiro comprando o pan contesta que non vai volver á política. Eu sospeito que minte, el sábeo. Ambos disimulamos.

Comentarios