Opinión

Estandartes

EU FÓRA en bicicleta de Ribadeo a Rinlo. O campanario gris asoma no litoral coma unha garza desecada. Había néboa nas ventás da confraría de pescadores. Un vello miraba cara ao porto cun xersei verde. Aquela noite soñara cunha balea. Alguén da tripulación tiña que soñar cunha balea para que zarpasen cazala. Non se podía mentir porque o barco faría un periplo a varias millas da Punta Corveira e volverían a terra cargados de miseria.

Faleceu Manolo do Rural. Os conservadores amosan respecto polo seu compañeiro Manuel López. Nuns días, o ciclo da vida recomezará. Os partidos teñen unha persoa que navega polo ámbito fóra da cidade. Aparece un xabarín nun portal de Lugo. Comprendo o susto de Loli Matanzas. Eu tería sacrificada a alma ao pánico. A sorpresa debería ser que encerremos a animais en pisos e debamos quitalos para que cheiren a herba. Puxemos o mundo patas arriba. Empezamos cazando para vivir. Era matar ou morrer famentos. Cazar consiste agora en limpar os lentes da mira telescópica.

Os exércitos da antigüidade levaban símbolos de animais nos estandartes para ameazar aos rivais coa forza que lles transmitían as feras. Luperca, a loba romana, aleitou a Rómulo e Remo. Conquistaron todas as beiras do Mediterráneo co alento dese leite.

No século V os romanos non se convenceron de que o Imperio desaparecería ata que viron asomarse estandartes de animais por seis cuíñas de Roma: os galos cos seus xabaríns, os normandos cos seus corvos, os longobardos coas súas serpes, os francos cos  dragóns, os leóns da Saxonia e os touros cimbrios. Cando o emperador Rómulo Augusto foi derrotado no ano 476 a aguia do estandarte ficou "quietissimus totoque corpore demissus" ("totalmente inmóbil e con todo o corpo abatido").