martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Unha esquela gratuíta

Pablo Casado saíu feliz de Génova tras da victoria en Austerlitz. Segundo paraba no primeiro semáforo aparecéronlle tres meigas (Esperanza, Cristina e Isabel) que lle auguraron a presidencia nunha profecía gratuíta.

Advertíronlle de que se mantería no cargo ata que "se movese o bosque de Birnam". Daquela sería apuñalado por "un home non nacido de muller". Casado sorriu porque todo home ten nai e porque as árbores non se moven.

Ao día seguinte os oráculos en papel de Madrid publicaron enquisas que rubricaban que vencerá nas Xerais. Todos somos ignorantes en océanos de asuntos. Pablo Casado, por exemplo, compra cada fin de semana "cinco ou seis revistas de coches", pero non leu Macbeth.  Ignora a profecía das tres "Irmás Fanáticas" que atopa o ambicioso protagonista da obra no seu regreso dun éxito militar.

O líder do PP tampouco sabe, porque el ollea publicacións de motor, que os atenenses nomearon a Sócrates "rei dos oráculos". O filósofo contestou que os oráculos eran "paxaradas". Houbo un momento de febres altas na dereita en que Albert Rivera foi con Malú á mellor tenda persa de Madrid elexir moqueta. Os sondeos dábanlle o xogo de chaves de La Moncloa.

Alguén debería informar a Casado de que a única opción de dirixir o BOE é sumar a maioría absoluta con Vox. Ninguén máis vai unirse a esa aritmética. Sería suicida.

O PP incendiou todas as pontes ao sur do Ebro. España necesita un catalán na mesa para ser gobernada. Mesmo Franco, que sabía que a burguesía de Pedralbes o desprezaba como militar analfabeto, contratou cataláns para sacar a economía do lameiro dos 50: o republicano Joan Sardà e o frívolo Estapé. Fabià Estapé recibiu a Creu de Sant Jordi: "Así terei unha esquela gratis en La Vanguardia".

Unha esquela gratuíta
comentarios