viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

As correntes de aire

FUN CURTAR o pelo. Sen tempo non era. O perruqueiro chamoume Robinson Crusoe e preguntoume pola illa deserta.

A perruquería de Antonio está nun entrechán de San Roque. Eran as nove da mañá. Cedo para comerciantes e curas. Segundo entraba no portal saía un señor delgado e temeroso, así que lle cedin o paso. Antes de abrir a porta quitou un naipe do abrigo, un oito de copas. Agarrou a porta coa carta para abrila. Movíase como se o mundo fose unha pista de xeo. A vellez consiste en ter medo ás correntes de aire e a caer porque un can se che meta entre as pernas. O señor deixou o naipe gardado na porta e marchou andar canda o seu cadelo. Os maiores de agora tamén teñen medo da pandemia e, claro, dos rapaces que pasan veloces no patinete pon onda eles.

Todos nos diriximos a eses pánicos, a esas intranquilidades que soamente alivian un oito de copas, unha calefacción e unha porta blindada. Averroes vivía na Córdoba do millón de musulmáns e cristianos na que había 600 mezquitas, 80.000 tendas e uns baños almohades para que os seus cidadáns recendesen a loureiro e lavanda. Un mediodía, xantando albóndigas con comino e berenxenas recheas, apuntou: "Ves os montes e pensas que son inamovibles, pasarán como as nubes". Nin o tahúr zurdo máis taimado gaña á morte.

A falta de sabios musulmáns, Paula Prado consolábanos o luns asegurando que a Xunta non aceptará as competencias de tráfico se supón que marchan os axentes de verde porque "a Garda Civil vertebra Galicia". Levo corenta anos pensando que fora vertebrada por Xosé Cuíña cando era conselleiro de Política Territorial; pero non, asegura a deputada conservadora que foi o  Duque de Ahumada quen estableceu a base para asentar o benestar e a tranquilidade.

As correntes de aire
comentarios