Opinión

Chocolate con churros

TODOS OS rapaces deberían recibir unha bicicleta e un telescopio cando cumpren 14 anos. A bibicleta serve para pedalear ata o porto báltico de Riga e o telescopio para aprender a distinguir a estrela de Orión. Eses cativos son os que coñecen o mundo e o imperio.

Jaime de Olano regresou o venres dende Madrid a Lugo para traernos noticias do futuro. Non é habitual que poida visitar á provincia pola que é deputado. Eu pensei que traía un papel de seda escrito con pluma de oca no que enumeraría as esixencias para Lugo que enunciaría no Congreso: Alúmina, o tren a Santiago, o pavimento da 540, a reforma para que empresas galegas paguen impostos en Galicia,... paxaradas que se lle ocorren a un.

Estaba equivocado. Olano veu vernos como cando o médico ribadense López Rico, que falaba inglés e francés, invitaba aos capitáns do mar Báltico a chocolate con churros para que lle desen noticia dos portos. Olano traía noticia do prodixio obrado por Isabel,unha muller de camisa vella e ignorante do temor, nas eleccións locais de Madrid. Nada opinara dos comicios nas agrestes provincias vascongadas nin no desagradecido país catalán, pero a estas veulles a trascendencia.

Orión era un xigante tan descomunal que atravesou o Atlántico entre Corme e Terranova camiñando. O océano non lle subía por riba dos ombros. Os cronistas ás veces esaxeramos. Nunca está de máis ter unha testemuña de man, un home que recibira unha bicicleta e un telescopio sendo cativo. Grazas a esa intervención comprendín á importancia da liberdade, de pagar poucos impostos, de poder balancearte agarrado a unha farola ás tres da mañá, de ser hospitalizado á madrileña e de saber que a profesión do teu fillo dependerá unicamente do colexio que ti poidas pagarlle.

Comentarios