Opinión

Cartas boas para a xuíza tarotista

O tarot xitano ten unha carta do Matrimonio, que non existe no convencional, no de Visconti-Sforza (século XV), onde se representa como Os Namorados. Os xitanos son máis institucionais para o amor e logo casan por ser unha comunidade pequena e ameazada ao longo da Historia. Eu que perdín a fe en Deus de adolescente por ler demasiadas veces a Biblia sinto un respecto devoto polo tarot. Paréceme que ese caer aleatorio de cartas é tan fiable coma calquera loucura que cometa o destino. Quedei coa dúbida de que tarot usaba María Jesús Díaz cando decidía o azar dos imputados como xuíza en Lugo. Ao tempo facía un sobresoldo como botadora de cartas. Sería o tarot xitano, o marsellés, o dos anxos?

Non podemos negar que os xulgados da Praza de Avilés nos agasallan con espectáculo. Outra xuíza gustaba de gravarse cun sombreiro mexicano e unha guitarra para cantar mariachis co seu home. A min esas vítimas colaterais son as que me preocupan. O home de Pilar de Lara e o axudante de María Jesús Díaz. Supoño que a tensión de administrar xustiza require vías singulares de escape.

En canto a tarots, a miña vasoira barre para Lugo. Guíome polo de Ulises Sarry. A diferenza dos outros, o de Sarry carece de carta de matrimonio e os namorados quedan nun. Esa carta, que significa estabilidade e entrega noutros tarots, non convencía a Sarry. O lucense advirte de que "o que está de amor alceso/ fica nun suspiro preso" na descrición da carta do Namorado. Para el tanto significa tenrura ou belidez espiritual como falta de heroísmo, promesas falsas ou concupiscencia.

Seica María Jesús Díaz casou hai unhas semanas co home que a asistía nas sesións de trance astral. Ese matrimonio marchará como o mel sobre o pan. As cartas son favorables ao tarotista.

Comentarios