Opinión

Un camiño de migas de pan

ADRIÁN LOUREDA segue estando tan forte como cando era gardameta profesional. Ten as mans anchas e veloces.

Atopeino en Ramón Ferreiro, diante do Gadis. Xa non traballa no CD Lugo. Está opositando. Eu poñería un parque eólico no Anxo Carro porque sempre sopran uns ventos fortísimos.

Xoán Guerreiro ten unhas mans lentas e precisas. Botamos a tarde no seu estudo, falando de pintura. Cóntolle a Xoán a miña pena por non ter acudido á mesa petitoria que puxo o Partido Popular na Praza Maior. Nunca asinei un texto escrito por outro, pero declararíame contra os indultos aos independentistas cataláns por marear. Se fose separatista mediterráneo estaría a ladrido de can co dignísimo PP. Rexeitar a gracia do Goberno central agranda a figura dos heroes en prisión. Se fose patriota español estaría a favor de que os traidores saísen do cárcere. Liberalos rebáixalles o mérito.

De paso, tería saudado a Olano na mesa caritativa. Raramente podemos disfrutar da súa presenza en Lugo. Sempre vén con algún asunto do tamaño da Súperliga. O deputado ten o Estado na cabeza. Pensen no que ocupan os ministerios, as secretarías e as subsecretarías con todos os seus porteiros e chóferes. Como para pedirlle que se interese por un tema de Viveiro, que xa non suxiro un problema da provincia. Ben lle chega con estar sentado á destra de Pablo Casado nesta Última Cea que rematará nas eleccións de 2023. Non vexo presidente a Casado. O único romano co que pactará é a falanxe de Esparta. España non se goberna sen cataláns.

Guerreiro explícame cadro a cadro mentres camiña. Bota migas polo piso para non perder o discurso. Fala durante horas de perspectivas, atmosferas, manchas e de trompe l’oleil, o engano ao ollo do espectador. Xoán non preside un club de fútbol nin é político.

Comentarios