Opinión

Os cabalos vermellos

Xosé Reigosa camiñaba onte por Recatelo con ese aire dos xubilados de ter as débedas pagas.

Xosé é do mar de Mondoñedo, Barreiros, e tamén fotógrafo en Lugo. É fácil saber cando unha persoa é fotógrafa: camiñan separando as puntas dos pés e mirando cara os tellados. Deben de pensar que Santa Verónica lles vai chover as boas fotos dende o Ceo. Dígolle a Reigosa que non soporto os xubilados. Levan os petos cheos de bitcoins de horas. Lévanos atados cunha goma elástica, coma os tratantes que baixaban a Mondoñedo. Había maxia nos minuteiros, os fotógrafos que revelaban nas feiras. Eu descubrinos agarrado á man do meu pai naquelas San Lucas que me son agora tan borrosas.

Pero as imaxes que mitifiquei desas festas son as ilustracións de Xosé Vizoso. Era fascinante velo improvisar sobre calquera mantel de papel no mesón do Valeco. Alumbraba cabalos vermellos e homes co paraugas colgado no percheiro da caluga, entre as árbores dos Remedios.

O dramaturgo mindoniense Francisco Piñeiro contoume o venres, que o atopei no parque de Lugo, a maior improvisación que fixo Vizoso. Encargaran a Isaac Díaz Pardo unhas pinturas destinadas a decorar unha representación no Teatro Nacional de Budapest en 1994. Isaac cedeullas a Vizoso. O texto teatral era tan ambicioso que contaba dende o homo sapiens ata a caída da bomba atómica, demoledora para o planeta. O director e Xosé Vizoso voaron xuntos no avión. Logo de aterrar en Budapest o escenógrafo encerrouse no Teatro Nacional e pintou durante a noite a historia do mundo en dez escenas de cinco metros de alto: un primate, unha esfinxe, unha guillotina,... e un bombardeiro B29. Vizoso bautizouno como Padornelo, o alto dende o que se lanzaban en parapente sobre Mondoñedo.

Comentarios